Polémica no Parlamento asturiano pola intervención en galego dun deputado do PP

Polémica no Parlamento asturiano pola intervención en galego dun deputado do PP
Parlamento de Asturies (JGPA)
Parlamento de Asturies (JGPA)  

Vox protestou polo uso na Cámara desta lingua e o presidente do Parlamento asturiano, o socialista Marcelino Marcos, pediu ao parlamentar do PP que fale de forma “que todos o entendan”.


Álvaro Queipo, da Veiga, na comarca de Eo-Navia, falou en galego (“galego-asturiano” como el indica) no Parlamento de Asturies e a intervención desatou a polémica, non polo que dixo ou deixou de dicir senón polo idioma en que o fixo.

Desde Vox queixáronse e protestaron polo uso do galego na Cámara asturiana por parte deste deputado do PP. Unha queixa que semella que non foi en balde. O propio presidente do Parlamento de Asturies, do PSOE, Marcelino Marcos, pediu o parlamentar popular que na Cámara fale de maneira “que todos o entendan”.

A polémica proseguiu porque unha deputada de Unidas Podemos, Nuria Rodríguez, tamén interveu en galego-asturiano. Neses momentos xa non estaba presente o deputado de Vox que protestou (Ignacio Blanco) mais si a súa compañeira Sara Álvarez, á que Rodríguez preguntou ironicamente se agora a entendía.

Álvaro Queipo (Twitter)

Deputados de Esquerda Unida de Asturies como Ovidio Zapico, e do PSOE, como lba Núñez, solidarizáronse co parlamentar do PP que usou o galego.

Tamén desde A Mesa agradeceron o xesto de Álvaro Queipo “por usar e defender o uso do galego, na variante oriental propia das Terras de Eo-Navia, no Parlamento de Asturias”. Cómpre lembrar que en xaneiro de 2016 o Concello da Veiga declaraba oficial o galego.

O galego – tal e como lembra o portal lingua.gal- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturies: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión. O filólogo e membro da Real Academia Galega Henrique Costas apontaba en 2014 que entre o Eo e Navia asturiano había por volta de 40.000 galego-falantes.

Nestes anos houbo varias mobilizacións en Asturies nas que se pedía a oficialidade para o asturiano e o galego.asturiano.

Imaxe interior: Álvaro Almeida (Twitter)