COMO DICILO?

Potes, potas e cazolas

Potes, potas e cazolas
As cazolas tamén serven para as protestas
As cazolas tamén serven para as protestas  

A cociña —e a lareira no seu momento— é unha das dependencias máis importantes da casa, senón é a máis importante. Nela prepárase a comida de todo o día para a familia enteira. Certo é que os hábitos alimentarios foron mudando co tempo e a evolución social, e máis co tamaño das familias e o reparto de traballos, e que tamén mudou o deseño das casas nas que o xeral era antes que contasen cun comedor independente onde tiñan lugar as tres ou catro comidas: almorzo, xantar, merenda e cea. Tamén antes as mulleres (que pandaban e seguen pandando maiormente con ese duro traballo) pasaban horas a fregar potas, cazolas e demais utensilios de cociña. E o cú das potas, negro polo contacto directo co lume, non era doado de limpar.

É moi lóxico que ese ingrato labor dera pé a frases feitas que aluden a el.

Velaí o diálogo dos potes e potas, que cal persoas discuten e se lanzan ferretes e picadas. Que teñen ciúmes entre eles e algúns insisten en se diferenciaren dos outros: hai clases e categorías. Como pretende aqueloutra paremia que xa citamos: Non somos todos iguais: paxariños e pardais.

Pois ben, ese dialoxismo das potas é tan coñecido en Galiza que poderíamos citar un par de ducias de variantes. Partiremos dun arquetipo: Díxolle o pote á tixola: "Vaite de aí que me lixas!". As variantes poden afectar os protagonistas: Díxolle o pote/a pota ao caldeiro, Díxolle a tixola ao cazo, Díxolle o cazo á cazola, etc. E tamén pode variar a mensaxe concreta, conservando o sentido: "… achégate aló/ tírate alá/tente pra aló/arreda de min/ céate atrais", etc., "que me luxas, non me lixes, non me tingas", etc.

Tan coñecido é este dito que non fai falta citalo enteiro, senón simplemente aludir a el co comezo: Díxolle o pote á tixola… É de abondo para que captemos a intención.

E cal é esa intención? Pois é moi clariña a crítica: "Mira ti quen foi falar!". Criticamos alguén que critica nos demais algo que tamén el ten, e se cadra en cantidade maior. O vello conto do argueiro e a trabe no ollo do que tamén falamos xa.

Esa mesma idea está presente noutros dialoxismos. Como neste: Díxolle o burro ao mulo: "Tírate alá, orelludo!". Ou nestoutro: Díxolle o corvo á pega: "Bótate alá, que es negra!".

E para rematar, velaí unha cantiga que non fala dun larpeiro, senón de dous :

    Miña nai é chiculate
    e meu pai chiculateiro:
    miña nai lambe as cazolas
    e meu pai lambe os pucheiros

    

Pois que lles aproveite!

    
 



x