O PP di que "non hai caso" de discriminación lingüística en Casas Novas

O PP di que "non hai caso" de discriminación lingüística en Casas Novas
Ana Pontón nun pleno do Parlamento
Ana Pontón nun pleno do Parlamento  

Rexeitou unha proposición non de lei presentada polo BNG na que se reclamaba un departamento que recolla denuncias en materia de dereitos lingüísticos.


Esta quinta feira en comisión parlamentar o deputado do PP, Agustín Baamonde, negou que o acontecido no Centro hípico de Casas Novas, en Arteixo, fose un caso de discriminación lingüística. "Non hai caso", afirmou en resposta á proposición non de lei presentada pola deputada do BNG, Ana Pontón, na que reclamaba a creación dun departamento para recoller as denuncias referidas á vulneración de dereitos lingüísticos. 

O grupo que apoia o goberno non quixo dar o seu apoio á iniciativa embora desde a organización frontista defenderen que "neste país se incumpre a legalidade vixente sen que pase nada". Pontón tamén reclamou que ese departamento contase cun servizo de apoio xurídico gratuíto. 

Na súa intervención a parlamentar nacionalista lembrou o acontecido cunha rapaza de 11 anos no campamento organizado polo centro hípico de Arteixo no que o persoal do espazo lle sinalou que co uso da súa lingua "te explicas mal" ou mesmo que tiña "obriga" de se dirixir en español polo feito de que era nese idioma no que lle estaban a falar a ela, como recolleu Sermos Galiza na altura da denuncia presentada pola nai da nena. 

E é que a propia SXPL pediu explicacións á empresa polo acontecido, embora descartar intervir como lle reclamaba a Mesa pola Normalización Lingüística.  

Desde o BNG coidan que a negativa do PP @s sitúa "ao lado dos que agriden á menor e vulneran as leis de protección de infancia e adolescencia porque non actúan contra a violencia" no que tildaron de "maltrato psicolóxico por usar o idioma deste país".