COMO DICILO?

Prebe

Gnoquis com prebe de pementos [foto tirada do Flickr de Tawil Al Umr]
Gnoquis com prebe de pementos [foto tirada do Flickr de Tawil Al Umr]  

O vello truco. Está un tranquilamente na casa cando chama o teléfono: “Somos da empresa X e chamámolo para comunicarlle que nun sorteo celebrado hoxe correspondeulle o premio de X (unha manta/un robot de cociña/unha colección de libros/ etc. ) polo que queremos  enviarllo ao seu domicilio. Unicamente son ao seu cargo os gastos de envío polo que queremos a súa conformidade…”. Total, que o que che regalan por un lado cóbrancho polo outro

A frase axeitada para dicir nese momento —no que non se nos ocorrerá, seguramente-— sería: É máis caro o prebe que o peixe. Ou, o que é o mesmo: Costa máis o caldo que as talladas.

A palabra prebe tería que ser realmente pebre, mais os galegos e galegas vímolo dicindo así cando menos dende o século XVIII, como constataba xa o padre Sarmiento. O douto frade sinalaba o desprazamento de sons dentro da mesma palabra —hoxe chamámoslle metátese— tamén noutros casos como probe, craba ou crongo.

Volvendo ao rego: prebe procede do latín pĭpĕre ‘pementa’ e chegou a nós (probabelmente a través do español) dende o catalán pebre. Con todo, a lembranza da pementa foise perdendo e as receitas non teñen por que levar xa ese ingrediente. Prebe convértese nun simple sinónimo de salsa ou de mollo. Se lemos dous anacos do mesmo poeta e do mesmo ano (Xoán Manuel Pintos, 1858) veremos que nun deles fala dos “choquiños de Redondela,/ co seu prebe que gorenta/ e ben polo trago tira” e no outro de “tan rico dozariño/ no seu prebe azucarado/ que almibre de millor punto/ non se cata no real pazo”.

Poida que estea tamén —xa lonxe— relacionada con aquel pĭpĕre, con aquel prebe, a palabra peperete (ou pipirete, que é como din os portugueses), e peperetada que hoxe vén significando, segundo definición da Academia Galega, "Cousa de comer de gusto doce e moi saborosa" .

Tampouco o peperete se entendeu sempre exclusivamente como cousa doce, azucarada. Velaí como o definía o dicionario de Cuveiro en 1876 : "Vianda extraordinaria y corta que se confecciona además de la comida general u ordinaria". E o de Valladares, en 1884: "Especie de platillo o guiso delicado con motivo de alguna festividad o cosa tal".

Tamén metafóricamente se atopa o emprego de peperete para indicar unha rapaza bonita: "Mariquiña era un pipirete delicado que ninguén mellor que el podía lambetear", di Gonzalo López Abente nunha súa novela en 1922.

Se cadra falando de manxares delicados e de riquezas do mar e mais da terra é acaído lembrarmos a cantiga popular que proclama:

    Debaixo da auga nacen
    cousiñas que saben ben,
    eu tamén me vou criando
    para o amparo de alguén.

Peperetes. Con prebe ou sen el.



x