Presentación do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos do galego

Presentación do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos do galego
Imaxe: Natalia Porca
Imaxe: Natalia Porca  

O protocolo organízase nunha serie de ámbitos de uso da lingua, que abarcan desde as administracións públicas, a onomástica, a xustiza, a educación, a cultura e os medios de comunicación


Na sexta feira tivo lugar a presentación do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos no local cultural de Sargadelos, en Compostela.  No acto estiveron presentes as e os representantes das institucións que fixeron posíbel a existencia do protocolo: Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística) Anxo Louzao (CIG-Ensino) Romina Bal (ProLingua) Queca Carballo (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística) Andrés Bellas (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, APRADOGA) Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG) Séchu Sende (Semente Compostela escola de ensino en galego) e María Pilar García Negro (como membra do Comité científico da redacción da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos).

“Queremos que o galego volva  a ter presenza na terra onde naceu. Queremos utilizar isto a prol da nosa lingua e que se poida converter en medidas prácticas directas”. 

“O protocolo foi asinado o 17 de decembro en Donostia, onde formaron parte diversas entidades sociais e sectores de toda Europa”, afirmou María Pilar García Negro, responsábel da explicación do documento. García Negro comezou facendo fincapé en que o folleto contén a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos que hai 20 anos a Mesa pola Normalización Lingüística editou en Barcelona. “A Declaración de Dereitos Lingüísticos nace vinculada ao artigo 2 da Declaración Universal de Dereitos Humanos que determinada o principio de non discriminación por razón de sexo, raza, ideoloxía, relixión ou lingua. Esta é a consecuencia que dá vida á consolidación dos dereitos humanos básicos que deben ser non só respeitados, senón que a súa práctica debe ser fomentada e promovida”, sinalou. Ademais, destacou que “todo dereito para ser real e exercíbel precisa da declaración dun deber correlativo por parte dos poderes públicos”.

O protocolo

O protocolo organízase nunha serie de ámbitos de uso da lingua, que abarcan desde as administracións públicas, a onomástica, a xustiza, a educación, a cultura e os medios de comunicación. “O espírito que nos animou neste protocolo foi que todos os usos sociais e públicos presentes nas linguas oficias dos estados non se discuten, mais se estamos falando das nosas linguas, de 50 millóns de persoas no continente europeo que dispomos dunha lingua propia diferente das oficiais, aspiramos a dárlles un estatuto de normalidade e que teñan a posibilidade dos usos que teñen as linguas oficias dos estados. Este principio é o que guía a necesidade de normalización”, explicou.

García Negro afondou na idea de que, en pleno século XXI, asistimos a un auténtico retroceso da defensa da lingua por parte das institucións oficiais. “A Xunta da Galiza funciona como unha auténtica maquinaria de españolización, cando debería ser a grande factoría de produción e distribución do galego”, sinalou.  “Queremos que o galego volva  a ter presenza na terra onde naceu. Queremos utilizar isto a prol da nosa lingua e que se poida converter en medidas prácticas directas”.

As institucións

“Este documento presentarémosllo a todas as entidades que estamos aquí e vai ser editado para a súa distribución masiva. Comezaremos contactando coas institucións galegas, tanto as Universidades, como a Real Academia Galega, Consello da Cultura, Parlamento Galego e ao Goberno Galego, para que asuma e apliquen o contido deste protocolo”, explica Marcos Maceira. “No mes de xaneiro continuaremos co contacto con todas as institucións e as que se vaian incorporando”, engade. 



x