RELATORIO NA UNIVERSIDADE FLUMINENSE DE NITERÓI

O presidente da Academia defende no Brasil “a irmandade do galego co portugués”

O presidente da Academia defende no Brasil “a irmandade do galego co portugués”
O presidente da Real Acdemia Galega Víctor Freixanes (na mesa, á dereita) na inauguración do seminario. Ao seu carón, a presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e o secretario xeral de Política Linguística Valentín García. Foto: RAG.
O presidente da Real Acdemia Galega Víctor Freixanes (na mesa, á dereita) na inauguración do seminario. Ao seu carón, a presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e o secretario xeral de Política Linguística Valentín García. Foto: RAG.  

O presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes vén de defender no Brasil a “irmandade” do galego co portugués, na que el percibe unha oportunidade “para gañar proxección exterior”. Fíxoo nun relatorio dentro do I Seminário Internacional para Estudos Linguísticos. Galego e Português: o passado presente da Universidade Fluminense de Niterói.
 


“O galego é unha marca de modernidade que nos sitúa no mundo e nos dá algo fundamental: identidade de noso”, argumentou, “mais en plena globalización tamén utilidade na dimensión exterior, na capacidade de relacionarse con outros espazos e culturas”. Segundo expuxo Freixanes, “o galego non é un idioma local”.

“A lingua dános un sitio no mundo. Dende a lingua galega, con ben pouco esforzo, eses rapaces e rapazas do novo século, os novos creadores, póñense en comunicación con centos de millóns de persoas en diversos continentes da man da gran familia galego portuguesa”, estendeuse, “temos que facer pedagoxía social entre nós, porque non todos os galegos e galegas son conscientes desta riqueza”.

Freixanes reclamou ademais “unha estratexia ambiciosa” no educativo a responsábeis políticos, culturais e institucionais: “Temos que reivindicar o portugués nas escolas como lingua irmá. Non para substituír o galego, senón para apoiarnos nel cara á proxección exterior”. Ao tempo, lamentou a escasa implantación escolar do portugués “malia a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galiza da Lei Paz Andrade”.

A intervención do presidente da Academia foi na sesión inaugural dun seminario organizado polo Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense. O encontro “xunta expertos en lingua galega e portuguesa de institucións ás dúas beiras do Atlántico”. Remata esta sexta feira.