ProLingua denuncia a “persecución” do galego nas ciencias e censura a actitude da RAG e do CCG

ProLingua denuncia a “persecución” do galego nas ciencias e censura a actitude da RAG e do CCG

“Todo é tolerábel para o castelán. Nada é tolerábel para o galego”. ProLingua lamenta que a Xunta de Galiza considere “incompatíbel” coas matemáticas e coa ciencia o galego e aféalle á Consellaría de Educación ter reprobado a profesora que imparte clases de matemáticas en galego na Pontenova.


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua ProLingua amósalle “todo o noso apoio” á profesora advertida pola Consellaría de Educación por impartir aulas de matemáticas en galego. Un apoio, di, que “leva implícita a reprobación rexa do celoso inspector que a amoestou”.

ProLingua alerta de que “após nove catastróficos anos de aplicación do Decreto de Plurilingüismo, que reduciu a docencia en lingua galega dun mínimo dun 50% a un máximo dun 33% e prohibiu a lingua galega en materias como matemáticas, física, química ou tecnoloxía, o galego está practicamente desaparecido de moitas escolas infantís e cada vez ten menos presenza nos ensinos primario e secundario”.

A plataforma sinala centros en que algúns docentes “non imparten clases en galego de materias que por lei están obrigados a dalas neste idioma (Xeografía, Historia, Bioloxía etc.)”. “Parece ser que a ese profesorado nunca ningún inspector lle fixo a máis mínima observación, mentres que a unha persoa que imparte matemáticas en galego a un alumnado 100% galegofalante si, a esa persoa advírtena e recrimínanllo”.

Críticas ao CCG e á RAG

Por outra banda, ProLingua pregúntase “para que e para quen se presenta a táboa periódica en galego se está prohibido para a docencia da química no ensino non universitario?”. A plataforma cuestiona a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, gustaríanos, salienta, que “cuestionasen que a Xunta e a SXPL por un lado prohiban o galego nas ciencias e polo outro fornezan hipocritamente materiais inutilizábel”.

“Xogan as institucións lingüísticas e culturais galegas a lle dar lustre á exitosa política lingüística da Xunta? A xustificar a exclusión do galego da ciencia sen dicir nin pío?”, acrecenta ProLingua.

Sentenza contra o galego en Lugo

Tamén se pronuncia a plataforma contra a “miserábel sentenza supremacista do Tribunal Supremo”, que ratificou a anulación da ordenanza do galego do Concello de Lugo. ProLingua sinala que “pode sentar un precedente gravísimo para excluír o galego das administracións locais. O responsábel da SXPL rexeitou pronunciarse sobre esta sentenza por atinxir un ámbito local, ao mesmo tempo que participaba nas celebracións das primeiras sentenzas en galego dos xulgados de Marín”.

“Vanse seguir acompañando e cumprimentando uns a outros en descubrimentos de placas, inauguración de xornadas sobre o galego na ciencia (...) cando o noso idioma retrocede?”

Na mesma liña, ProLingua pregúntase se a RAG, o CCG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística “van seguir calados en casos de regresión e represión lingüística como eses”. “Vanse seguir acompañando e cumprimentando uns a outros en descubrimentos de placas, inauguración de xornadas sobre o galego na ciencia, presentacións de táboas periódicas e outros actos de cara á galería, cando o noso idioma retrocede no ensino, na xustiza, na administración pública e demais ámbitos sociais?”, critica.

  

A plataforma lembra que cando a Xunta aprobou as Bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, en xaneiro do 2010, a RAG fixo pública unha Análise académica onde se consideraba que a proposta do decreto “era inaceptábel por supoñer un claro retroceso na lexislación sobre o galego; que era irresponsábel porque o Goberno derivaba responsabilidades a outros ámbitos, e que era inconsistente legalmente e insostíbel desde o rigor pedagóxico e sociolingüístico. Semanas despois o CCG emitiu un Ditame así mesmo crítico coas devanditas Bases”.

Publicacións recentes da RAG e do CCG, agrega ProLingua, “veñen corroborar un dos temores que a Academia manifestaba na análise de 2010: que a bandeira trilingüe do decreto de plurilingüismo se utilizaba para ocultar a perda e subtracción educativas do idioma galego”.



x