Propoñen o berciano Antonio Fernández e Morales para as Letras 2017

Propoñen o berciano Antonio Fernández e Morales para as Letras 2017
Escolares do Bierzo no Día do galego nas escolas da comarca [Imaxe Xunta]
Escolares do Bierzo no Día do galego nas escolas da comarca [Imaxe Xunta]  

Distintos colectivos sociais e culturais promoven a candidatura do escritor co obxectivo de pular polo(re)coñecemento da lingua galega no Bierzo.


A proposta xa foi encamiñada á Academia Galega como institución e tamén a todas as persoas que a integran de maneira formal. Neste senso, queren aproveitar a conmemoración do bicentenario do seu nacemento, en 1817, e até o momento recompilaron 70 sinaturas de nomes relevantes alén e aquén da fronteira admiistrativa que separa Galiza da comarca berciana. 

Fernández de Morales publicou Ensaios poéticos en dialecto berciano en 1861

Seis alcaldes do Bierzo (Carucedo, Vilafranca, Ponte de Domingos Florez, Corullón e Cacabelos), Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, as escritoras, Helena Vilar Janeiro, Mercedes Queixas, Teresa Moure e Carlos Taibo ou o fotógrafo Xurxo Lobato integran a listaxe de 70 persoas coas que decidiron impulsar a candidatura de Fernández e Morales os colectivos Comisión Cultural Martín Sarmiento,l Grupo AS MÉDULAS para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, Colectivo Cultural Fala Ceibe, Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta. 

Coñecer e recoñecer

Un dos seus principais obxectivos é "dar cumprimento ao obxectivo de promover, estudar e difundir as obras de autores en lingua galega, non o suficientemente divulgadas e/ou coñecidas e recoñecer a importancia da obra poética do autor na historia literaria de Galiza" no marco dun autor que publicou a súa obra poética, Ensaios poéticos en dialecto berciano, en 1861, dous anos antes de seren coñecidos os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Alén diso, Fernández e Morales foi militante do Partido Radical, militar liberal e progresista, destinado a Tui entre os anos 1841 e 1845.
Gobernador militar de provincias, deputado na provincia de Vilafranca, no ano 1872 e un defensor do "berciano como subdialecto do galego" e da comarca como parte do noso país como recolleu nun dos seus poemas: 

"Cual tesoro q’a codicia 
de dous avaros escolta 
con xusticia, ou sin xusticia, 
tira por ela Galicia, 
mais Castilla non a solta …"

Os colectivos promotores sinalan que a súa homenaxe permitiría promover "estudos lingüísticos de carácter científico que afonden no coñecemento do léxico e da variedade lingüística galega falada nesta comarca estremeira. E partindo do estudo da súa obra, será unha boa oportunidade para levar a cabo a recollida da onomástica e toponimia do Bierzo". 

Defensa do galego no Bierzo

Destarte, aseguran que --de ser elixido-- a Academia podería con ese xesto dar "outro paso máis na defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática", após a súa exclusión do currículo escolar coa aplicación da LOMCE obrigando o estudantado que desexa coñecer e estudar a súa lingua propia a ter que facelo en horario extracurricular. 

Os colectivos promotores queren que a súa homenaxe contribúa a pular pola lingua galega na comarca após a súa exclusión como materia curricular coa aplicación da LOMCE

"O Consello de Europa aconsella intervir con novas propostas que dinamicen o uso da lingua galega, tal como indica a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias de Europa", afirman os colectivos que promoven a candidatura ao tempo que lembran, "o Consello Comarcal do Bierzo, concellos da comarca, entidades culturais e asociacións de referencia, non dubidarán en apoiar todas aquelas propostas que garantan a riqueza lingüística, patrimonial e cultural dunha comarca con identidade propia". 

Neste senso, nunhas xornadas organizadas en Vilafranca arredor de Frei Martín Sarmiento o grupo promotor testou a boa acollida da proposta e tamén o compromiso de distas institucións na promoción e uso do galego na comarca do Bierzo. Entre elas a propia Xunta de Galiza através de Valentín García como secretario xeral de Política Lingüística que mesmo se reuniu con representantes da administración vallisoletana para pular polo programa de promoción do galego no Bierzo. Alcaldes, a Escoila de Idiomas de Vilafranca e outras entidades tamén participaron deste encontro no que tiveron lugar distintas mesas de traballo para artellar medidas de impulso para o galego. 



x