COMO DICILO?

Qué morro!

Cabo Home, no Morrazo.
Cabo Home, no Morrazo.  

Un amigo meu, cando sente un rapaz ou unha rapaza (pois ao ser expresión de xente nova adoita ser o caso) dicir  "Qué morro", retrúcalle retranqueiro:  "Non morras, meu neniño! /miña neniña!"

A brincadeira co xogo de palabras pretende facerlle saber que o meu amigo "non entende" a expresión.  Porque aquela é un simple calco do español recente para lle recriminar a alguén (en serio ou en broma) ser insolente, atrevido, aproveitado e descortés: o que en castelán se chama un cara dura e en galego chamamos tradicionalmente un cara lavada.

Desa persoa que dá mostras de ter arruallo podemos dicir nós no mesmo tono coloquial : Que papo! Que papo ten! Non sería esta a única forma posíbel porque –cando menos polo Morrazo- úsase tamén nese caso a expresión ter pancada: Que pancada ten!

E volvemos ao morro, que en galegoportugués tamén significa ‘monte de pequena altura, outeiro’,  lembrando os famosos morros do Río de Janeiro. Pois ben, o nome do Morrazo, bisbarra de montes na beiramar da Ría de Vigo, ten a mesma orixe, como escribía xa o padre Sarmiento.

Outro calco do español é falar dos "morritos de cerdo". En galego teríamos que falar do "fociño de porco". Porque é ben sabido que do porco ou cocho (dispensando) aprovéitase todo, cómese enteiriño, dende o rabo ata o fociño.

Outro calco do español é falar dos "morritos de cerdo". En galego teríamos que falar do "fociño de porco".

Os novos despeces e a moderna comercialización do porcino comezan a afectar (en supermercados, receitas e medios de comunicación) ás denominacións auténticamente galegas. Non só entran as alleas senón que mesmo substitúen ás tradicionais e propias nosas. Séntese así, nun galego inexistente, falar de "carrilleiras" ou de "manciñas de porco". Son o que aquí toda a vida chamamos a faceira e os pezuños.  E desbótanse as denominacións autóctonas como raxo ou sóa para as trocar por formas coincidentes co castelán ou próximas  (lomo/lombo, espinazo/espiñazo). Se fai falta impórtase mesmo do francés,  como ese entrecôte (castelanizado ás veces en entrecot)  que pretende desprazar o galeguísimo entrecosto.

Se consultamos a Internet perderémonos no maremágnum de denominacións en español das partes do porco. Moitas delas responden claramente a unha operación publicitaria, de simple marketing, non hai máis que ver: secreto ibérico, delicias ibéricas, caprichos ibéricos, abanico ibérico, plumas ibéricas… 

Non é ben mellor usarmos as denominacións galegas de sempre?