Queremos Galego convoca manifestación en defensa da lingua o 8 de Febreiro

Queremos Galego convoca manifestación en defensa da lingua o 8 de Febreiro
Marcos Maceira [Imaxe SG]
Marcos Maceira [Imaxe SG]  

Chama a "todos os sectores da sociedade" a exercer "presión" nas rúas para frear a "política lingüicida" de Feijóo. 


A Plataforma Queremos Galego convocou para o vindeiro 8 de febreiro de 2015 unha mobilización en defensa da lingua após coñecérense as "consecuencias" da política lingüística desenvolvida polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. Os máis de 600 colectivos que integran Queremos Galego coidan que Galiza atravesa un "quinquenio negro" cuxo trazo fundamental é o "retroceso" na presenza social da lingua propia. 

Na comparecencia estiveron presentes representantes dalgunhas das entidades que integran a plataforma. Entre elas, a CIG-Ensino , os Comités, a Liga Estudantil Galega, Galiza Nova ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

A mobilización partirá ás 12:00h da Alameda de Santiago de Compostela e desde Queremos Galego chaman a participar a "todos os sectores da sociedade" que queren "vivir" na súa lingua. Especialmente, explicou en comparecencia de imprensa o presidente da plataforma, Marcos Maceira, aquelas persoas "agredidas" pola "política lingüicida de Alberte Núñez Feixóo". 

A comisión xestora de Queremos Galego fixo balanzo esta quinta feira (18 de decembro) dos 35 anos de autonomía de Galiza e dos 31 da aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Un período, sinalou Maceira, no que a lingua galega "pervive en liberdade vixiada" e nunha "oficialidade aparente" mais "que non é real". 

Exclusión social 

Para a plataforma o galego vive "excluído practicamente da vida de calquera cidadán ou cidadá" embora teren sido aprobados sucesivos intrumentos xurídicos a prol da súa normalización. Medidas como o Plano Xeral de Normalización Lingüística (2004) que contaron "cun amplo apoio social" e mesmo co "acordo unánime" das forzas políticas con representación parlamentar e da comunidade educativa. 

Queremos Galego denuncia os "prexuízos" lingüísticos de Feijóo e exixe o cumprimento do marco normativo acordado cun "amplo apoio social"

Porén, acrecentou Marcos Maceira, coa chegada de Alberto Núñez Feijóo ao goberno da Xunta, en 2009, "os prexuízos" lingüísticos "reverdeceron" e o executivo iniciou un proceso normativo que "retrotraeu", afirman, a realidade lingúística galega "ao período pre-autonómico" ou mesmo "ao franquismo".

Queremos Galego fixo referencia así á "anulación da proba de galego" entre o funcionariado e, nomeadamente, á aprobación do "decretazo". Un texto normativo, subliñou Maceira que foi obxecto das "maiores mobilizacións" da historia en defensa dunha lingua propia, mesmo "de Europa". 

Deste contexto que califican desde Queremos Galego como "quinquenio negro" resultan ao entender das máis de 600 entidades que conforman a plataforma, os dados feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que apuntan un enorme descenso no número de galegofalantes, principalmente entre as faixas de idade máis novas. Tres de cada catro menores de 15 anos non falan "nunca ou case nunca" na lingua propia do país, sinala o IGE. 

O galego: "un elemento de cohesión"

Este fito histórico, afirmou Maceira en comparecencia de imprensa, devén da "exclusión social" do galego da que, sentencian, "Feijóo é responsábel". Así é que para Queremos Galego "os pequenos avances" que foron conquiridos ao longo dos últimos anos en materia lingüística resultaron da "mobilización social".

"Feijóo é responsábel da exclusión social do galego"

Razón pola que lanzan un chamamento "ao conxunto da sociedade galega" para se manifestar o vindeiro 8 de Febreiro en Compostela á fin de que "o decretazo se veña abaixo". 

O obxectivo da mobilización é exixir ao goberno galego pór "en práctica os acordos" acadados desde 1983 e "repor o galego nos espazos que ten que estar" pois, desde a plataforma sinalan que "Galiza non pode existir sen a súa lingua propia". O galego é, enfatizou Marcos Maceira, "o principal sinal de identidade" e "un elemento de cohesión social", malia a "propaganda falsa", denuncian, difundida pola Xunta. 

Esta é, concluíu, "unha convocatoria sen exclusións ao conxunto do pobo galego que sofre" as consecuencias da política lingüística de Feijóo. 



x