Queremos Galego exixe no X aniversario do PXNL o seu cumprimento real e efectivo

Queremos Galego exixe no X aniversario do PXNL o seu cumprimento real e efectivo
queremosgalego
queremosgalego  

Unha representación da plataforma deu lectura a un manifesto en contraposición á “farsa” de Feijóo para ‘celebrar’ un plano que “con cumpre”. A oposición non asistiu ao acto oficial organizado pola Xunta.


Unha representación da plataforma cidadá Queremos Galego fixo unha lectura pública do “Manifesto por un compromiso real e efectivo co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega” ás portas do Parlamento de Galiza, un acto co que quixeron denuncir o “cinismo” da Xunta, que organiza un acto oficial para “celebrar” o décimo aniversario do PXNLG poucos días despois de renegar no propio Parlamento do Plan Xeral e rexeitar unha proposición non de lei que o instaba simplemente a aplicar o que fora aprobado por unanimidade dez anos atrás.

BNG, AGE e PSdeG non asistiron á recepción oficial en desacordo coa política lingüística da Xunta

Para Marcos Maceira, presidente da MNL e portavoz de Queremos Galego, “se a Xunta non respecta a lingua galega, non respecta o pobo galego”. A plataforma non estaba convidada á recepción oficial polos dez anos de PXNL, á que si estaban entidades como o Foro Peinador ou a Real Academia Galega.

"Covardía"

“Que un goberno como o actual monte esta farsa para “celebrar”, os incumprimentos e retrocesos do PXNLG é unha humillación e unha burla a todo o pobo galego, ás persoas que falan galego e a aquelas que sen o falaren queren que existan condicións para falalo e transmitilo.” indicou Maceira. “Escudarse tras o empresariado que si usa o galego malia as dificultades que impón a propia administración só demostra a covardía da SXPL”.

Alonso Montero criticou ás institucións que converten o galego nunha lingua "litúrxica"

A poeta Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a técnica de normalización Queca Carballo, en representación da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, a actriz Isabel Risco, o músico Mini, integrante d’A Quenlla, Goretti Sanmartín do BNG, Anxo Louzao en representación da CIG-Ensino, Marián Muíño en representación de APRADOGA (Asociación de profesionais da rama artística da dobraxe de Galicia), Lucía Veciño en representación de Galiza Nova, e Marcos Maceira, presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, leron este manifesto antes de entregalo no Rexistro da Cámara galega dirixido a todos os grupos parlamentares.

Coa entrega deste manifesto, Queremos Galego exixiu aos grupos parlamentares e especialmente ao Goberno da Xunta que retorne ao consenso de 2004 e cumpra coa obriga de potenciar a lingua galega e a Posta en marcha inmediata das medidas contempladas no PXNL, entre outras.

'Plantón' da oposición

A oposición non asistiu á recepción oficial por entender BNG, AGE e PSdeG que é unha "tomadura de pelo" que o goberno presuma de potenciar e protexer o galego cando a súa práctica é a contraria.

Quen si estivo nesa recepción foi o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen na súa intervención criticou duramente o papel das institucións, que fan do galego unha lingua "litúrxica".