6 DE MARZO PERANTE O CONCELLO DE LUGO

Queremos Galego e o Goberno local chaman a rexeitar a sentenza do Supremo contra o galego

Queremos Galego e o Goberno local chaman a rexeitar a sentenza do Supremo contra o galego
Mobilización de Queremos Galego o pasado 17 de Maio. Foto: cedida.
Mobilización de Queremos Galego o pasado 17 de Maio. Foto: cedida.  

O Tribunal Supremo ditou sentenza “ideolóxica” e rexeitou o recurso do Concello de Lugo pola decisión do Superior a respecto da ordenanza de normalización lingüística da cidade. É por isto que a plataforma Queremos Galego e mais o Goberno local do PSdeG chaman a se manifestar esta cuarta feira, 6 de marzo, ás 10.00 horas perante o Concello lucense.
 


O Supremo pretende pór limites á oficialidade da lingua galega e impedir que poida manter calquera situación de igualdade respecto ao castelán”, explican dende Queremos Galego. Segundo din na plataforma, o alto tribunal estabelece uns máximos que o galego “non debe traspasar baixo ningún concepto.”

“A sentenza ilegaliza ademais unha posición social maioritaria no conxunto do pobo galego, a de que a lingua propia de Galiza é o galego, que é o noso principal elemento de identidade colectiva e que se atopa nunha absoluta situación de desprotección, aínda cunha lexislación que no mellor dos casos non se aplica e se vulnera constantemente”, resumen, antes de engadir: “O mesmo tribunal non actúa contra as máis de 500 disposición legais que garanten a presenza absoluta do español e sitúan o galego en situación de inferioridade”.

Queremos Galego, que agrupa unhas 700 entidades e nuclea A Mesa pola Normalización Lingüística,  insiste en que a xustiza española pon “un carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua  ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas emprestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns”.



x