COMO DICILO?

Con r

Esa pera rabo leva!
Esa pera rabo leva!  

Dende hai séculos, tras aquel tempo dos irmandiños, moitos galegos e galegas perderon a fe nas súas propias forzas, na súa capacidade para mudaren a súa condición e o seu futuro e interiorizaron o papel de servos e criados que a nación galega segue asumindo e afondando. A pequena resistencia deses mandadiños manifestouse simplemente de xeito manso na desconfianza e o distanciamento ante o poderoso e na emigración calada, o abandono da Terra.

Hoxe, os que aínda viven na Galiza están a abandonar a simple conciencia de país e os trazos da súa comunidade, a comezar polo idioma que nos uniu durante centos de anos. Mesmo hai quen deturpa con efecto retroactivo a nosa tradición cultural e canta os cantares de pandeiro en español (Déjame subir al carro carretero. /Déjame subir al carro que me muero, / morena por tu amor) cando a escasa presenza do castelán no noso cantigueiro popular tiña unha evidente finalidade estilística como marca de retranca (Eres unha e eres dúas / e eres tres e eres cincuenta / e eres unha catedrale / donde todo el mundo entra).

A cautela, a autoprotección fronte ao foráneo descoñecido que pode chegar a ser un inimigo, un axente ou instrumento do poderoso, maniféstase tradicionalmente en Galiza de dúas maneiras. A primeira consiste na negación de información que poida ser utilizada contra nosa (por aquilo de Eu non digo nada, que todo se sabe!), ben respondendo con circunloquios evasivos (Por un lado xa ves e por outro que queres que che diga?) coa intención de desviar o asunto ou ben respondendo á pregunta con outra (E, logo?) co fin de coñecer as intencións e de gañar tempo para preparar a resposta. Esta é unha forma de autodefensa pasiva, unha simple precaución. A segunda maneira de autoprotección consiste na resposta ou reclamación por medio da retranca. Trátase agora dunha autodefensa activa, dunha mobilización, mais esta forma de ironía, de reposición da realidade mandando unha mensaxe inversa, non é ferinte, agresiva, non chanta o aguillón e o ferrete, non é destrutiva, senón que a retranca é unha ironía correctiva, conténtase con recompor as cousas sen ridiculizar nin mancar, provocando mesmo un sorriso: bótaas rindo. Sexa por natureza tolerante ou por conciencia da debilidade propia.

Naturalmente, as creacións orais tradicionais galegas gardan exemplos destes procedementos. Vémolo tamén na fraseoloxía.

Se o desexábel na vida é ser ben levados (forma máis enxebre que levarse ben), o ideal é levarse coma o pan e o leite ou partir peras con alguén, é dicir ‘levarse moi cordialmente’ pois iso implica o casaren tan ben eses dous alimentos ou o compartiren a mantenza varias persoas.

Claro que temos que ter coidado se nos advirten Esa pera rabo leva! porque nos avisan de que hai segundas intencións no asunto. Igualmente poderíannos advertir Vai con r!  é dicir, con rabo, con retranca.

            Velaí unha cantiga popular chea de retranca, de r :

                        Ao criado do gaiteiro

                        déronlle un oso a xantar ;

                        dixo que se fose un can

                        tiña ben en que rillar.

            Autodefensa activa: hoxe máis ca nunca precisa.