A rapazada de Moeche demanda nun pleno extraordinario maior compromiso co galego

A rapazada de Moeche demanda nun pleno extraordinario maior compromiso co galego

Os nenos e nenas do Consello Local da Infancia e a Adolescencia demandan nunha sesión extraordinaria con motivo do Día Internacional da Infancia. o apoio municipal para levar a cabo a campaña "O galego rebélase", no marco dos dereitos lingüísticos recoñecidos no artigo 30 da Convención dos Dereitos do Neno aprobada en 1989.


O Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche (CLIA), impulsado por este Concello e que dá voz a crianzas e mocidade na toma de decisións que lles afectan como colectivo celebrou o 20N - Día Internacional da Infancia - un pleno extraordinario ao que asistiron tanto os seus membros como a totalidade do alumnado do CEIP San Ramón.

Un pleno onde rapaces e rapazas pediron maior compromiso e defensa do galego. O CLIA anunciou a posta en marcha para o próximo mes de febreiro dunha campaña de promoción da lingua no marco do artigo 30 da Convención dos Dereitos da Infancia.

moeche 2A alcaldesa, Beatriz Bascoy, recibiu o alumnado. A rexedora explicou a nenos e nenas cal é a función do Consello Local da Infancia e a Adolescencia e como se encarga de recoller as demandas que van xurdindo entre a xente da súa idade para logo trasladarllas ao Concello para que as leve a cabo.

Entre elas estivo, por exemplo, a elección do deseño para o feche exterior do colexio, a escolla do modelo de xogos que se instalaron no patio ou incluso a decisión do nome da principal arteria do centro urbano, denominada agora Avenida 23 de Abril por acordo infantil. O Grupo de Participación Infantil -órgano executivo do CLIA- reúnese na Casa do Concello todos os últimos sábados de mes para traballar nas ideas e peticións que despois se lle presentan ao equipo de goberno.

"Non queremos que se perda"

Moeche 3As encargadas de achegar as últimas iniciativas foron Marta Mera, Leticia Caaveiro e Emily Méndez. O Grupo de Participación Infantil decidiu "traballar a prol do recoñecemento da nosa lingua e do seu valor porque non queremos que se perda", tal e como expuxo Marta Mera argumentando que "os nosos avós e avoas loitaron por poder falalo, e agora nós que podemos facelo imos perdendo esa oportunidade". A parte expositiva do texto remata sinalando que "o galego representa Galiza e polo tanto temos que coidalo entre todas e todos".

Tomando como base este argumento, a vicepresidenta do CLIA, Leticia Caaveiro, debullou as medidas "para promover o galego e dar a coñecer a súa historia" englobadas todas baixo o lema "O galego rebélase". A frase tamén é o título dunha campaña para a que a rapazada pediu a implicación municipal. Máis en detalle, os nenos e nenas solicitaron dispor de máis libros en galego na biblioteca do Concello, promover representacións teatrais, xogos e actividades na nosa lingua.