COMO DICILO?

Resposta

Mira para min, que son de Marín!
Mira para min, que son de Marín!  


    Coa lembranza amiga de Ramón Muñiz,

                            que  deu sempre a resposta que cumpría.
                    

Temos xa falado da frase, tan empregada en Galiza, de Agora xa foi, Marica, non chores! para dicir que a situación non ten remedio, que é tarde de máis. É igual a aqueloutra tamén citada de Tarde piaches! No mesmo contexto emprégase en castelán ¡A buenas horas mangas verdes! e en galego dicimos Des que a burra vai no pó: xo, burra! Xo! Porque a solución haina que poñer cando é tempo.    

Hai quen cando xa non se pode facer nada pregunta: E agora? 

Tamén hai quen finxe facerse a pregunta ou arremeda facelo, insinuándolles realmente a outros que axuden a resolver a papeleta. Claro que eses outros poden facerse os xordos ou responderen con ironía:

-E agora?

-Fabas na ola! (É dicir: Agora teste que privar moito!).

-E agora?

-Coller a pucha e pola! (Agora tés que ir polo mundo!).

-E agora?

-Agora asubíalle! / Asubíalle ás botas! (Xa non volve o que escapou!).

-E agora?

-Tíralle do aire! (Arranca ben o motor e lisca!).

Porque xa non hai que lle facer, xa voou. Respostas galegas semellantes ao español Échale un galgo! aínda que as nosas levan un aquel de ferrete. Outras veces, a resposta retranqueira é un freo que lle intentamos poñer a alguén que está tratando de nos enganar, de contar unha mentira que detectamos e que non queremos deixar pasar. E normalmente, acompañámola cun aceno consistente en levarmos o noso dedo índice debaixo do noso ollo dereito e baixarmos así un pouquiño a pel da zona inferior ao tempo que dicimos: 

-Sóprame aquí, que teño un lixo!

Ese mesmo aceno, coa mesma finalidade, faise en Marín adaptándose ao lugar concreto e construíndo unha rima bulreira:

-Mira para min, que son de Marín!

Outra posibilidade aínda é retrucarlle (ou cortarlle directamente á persoa interlocutora) cunha pregunta que vén significando con ironía “Se agora, que aparentas falar a verdade, ves con esas: como has facer cando me queiras enganar?”.
    

Esa mesma pregunta subiume decontadiño aos beizos esoutro día ao bater por acaso co editorial dun chamado medio de comunicación, deses que reciben cuantiosas sumas dos cartos públicos galegos. Lavaba a cara da situación do país vendendo o peixe co título de La longevidad como economía para Galicia.

E comezaba así:

“Galicia,  siempre a la cabeza de la estadística de los desequilibrios demográficos, percibe el envejecimiento como una grave amenaza y casi nunca como una virtud detrás de la que también existen posibilidades de especialización económica.”

Polo que me veu á boca a tradicional pregunta galega: 

-E cando mintes: como fas?

Porque lembrei a palabra retranqueira e indignada de Celso Emilio Ferreiro no seu Plan de Desenrolo:

O meu país predilecto é un emporio
de cousas nunca vistas:
os homes viven fora da lei da gravedade,
pro coñecen moi ben a lei do embudo
i o principio da palanca e do fungueiro.
Un país que vive de milagre.
Produce ao ano xustos doce meses
e tres mil romerías de San Roque.
Quinientas toneladas de labercas,
setecentas de grilos,
vinte de volvoretas
e sete de tabáus incontrolados.
Suma e sigue:
Oitenta mil arrobas de maletas,
dous mil metros cuadrados de ataúdes,
sete lobos per cápita,
dez raposos por cada contribuínte
e chumbo, moito chumbo,
que esportamos,
transportamos,
soportamos.
Item mais:
Cinco mil toneladas de carneiros
e un castrón por parroquia.
¿É que cicais non somos
un país ben desenrolado?


 É aquilo de Mexan por nós e queren que digamos que chove.



x