NORMALIZACIÓN

Restituírmos os apelidos de noso

Restituírmos os apelidos de noso

Otero, Brey, Villarino, Yáñez, Iglesias... Cinco séculos de deturpación deixan até hoxe unha boa pegada nos apelidos galegos. 20% da poboación galega leva un apelido quer castelanizado quer híbrido. Aos poucos, van xurdindo iniciativas e proxectos que procuran facilitar a restitución dos apelidos de noso.


4Os apelidos son algo propio, parte da identidade de cada persoa, da ligazón coa súa propia ascendencia, coa súa familia. Mais tamén teñen unha dimensión colectiva, do pobo ou comunidade da cal fan parte. Ao longo destes séculos non poucos apelidos galegos sofreron un proceso de deturpación, un proceso que foi da man do desprazamento do galego como idioma instrumental na escrita desde principios do século XVI. Unha consecuencia diso foi que os nomes, tanto de persoas como de lugares, foron deturpados. Actualmente, e segundo dados da Real Academia Galega (RAG) 16% dos apelidos en Galiza están castelanizados [por exemplo, os Outeiros que pasaron a Oteros] e 4% teñen unha forma híbrida [p. ex, Seijas por Seixas]. Exemplos que non son casos isolados e que reflicten unha situación non normalizada, unha anomalía. Fronte a iso, nestes anos foron erguéndose diferentes iniciativas e propostas para procurar unha normalización, unha restitución dos apelidos. Como, a destacar, Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, libro da RAG que recolle nunha listaxe normalizada 1.500 apelidos, que abranguen 90% da poboación de Galiza.

Facilitar

“O libro é unha ferramenta que a RAG pon para aquelas persoas que queiran galeguizar o seu apelido”, explica en conversa con Sermos Galiza Victor Freixanes, presidente da Academia, que destaca  a funcionalidade deste traballo para o funcionariado dos rexistros civís, onde se deben realizar os procesos de galeguización dos apelidos. “Aínda fican prexuízos”, afirma, “e xente que quere restituír o seu apelido pode atopar algunha dificultade”. Porén, engade, na maioría dos casos non hai problema. Agora o procedemento é ben doado: ir ao rexistro e pedilo.  Doado e rápido.

Dos 25 apelidos máis comúns na Galiza, catro aparecen na listaxe da RAG: Iglesias (Igrexas), Alonso (Afonso), Otero (Outeiro) e Lorenzo (Lourenzo). Unha lista aos que hai que engadir non poucos: desde Goyanes e Yáñez a Villarinos, Gestal, Abeijón...

Paradoxo


Coa chegada do autogoberno deuse un paradoxo, houbo unha recuperación na toponimia da forma propia, orixinal, a galega: Seixas, Abeixón, Montouto... mais non nos apelidos, que se mantiveron deturpados.
“Hoxe en día, tantos anos despois da Lei de Normalización Lingüística, se nen sequer estamos en condicións de restaurarmos os apelidos galegos, é que hai algo que non vai ben”, afirma María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña, ensaísta e escritora. “Se en 2018 hai dúbidas de se esa restitución é necesaria para irmos pola vida como pobo, e que a cousa é grave”, engade.

Ana Boullón, investigadora da Universidade de Santiago e da RAG experta en antroponimia e onomástica galega, ten manifestado que “o apelido, igual có nome, non só ten unha dimensión colectiva, porque nos sitúa na sociedade, senón tamén individual, porque nos vincula á nosa familia, aos nosos devanceiros. Por iso se sente ás veces que esa forma non se pode cambiar, que facelo suporía unha especie de desafección con respecto aos nosos pais e aos nosos avós. Nada máis lonxe, a castelanización dos apelidos supuxo unha manipulación administrativa que non pediu permiso ás persoas afectadas”.

Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, lexicógrafo e un profundo coñecedor e especialista en toponimia e antroponimia, manifestou que “a deturpación, contra o que pensa a xente, é un fenómeno recente. Hai que pensar que o primeiro rexistro data do 1870. Até ese ano, cadaquén asinaba cos apelidos que el mesmo escollía. Hai moitos Soto ou Otero cuxas familias aínda son hoxe recoñecidas polos Soutos de tal sitio ou os Outeiros da beira do río. Na normalización onomástica, de todos os xeitos, hai que ser moi respectuosos porque forman parte do patrimonio persoal de cadaquén”.

Gratificante

O profesor na Facultade de Filoloxía da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato salienta a importancia e necesidade de “recuperarmos a forma propia dos apelidos”, advertindo que as formas deturpadas e castelanizadas “son ir contra a nosa identidade, contra o noso patrimonio”. El propio galeguizou o seu patronímico, pasando de Freijeiro a Freixeiro: “Recuperar a forma lexítima do meu apelido foi un proceso gratificante, recoméndollo a todo o mundo”.

Na mesma liña exprésase Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística: “Temos a obriga de restituír o que foi deturpado nestes séculos, é unha forma de reivindicar o noso dereito a existir como pobo”. Maceira insta as administracións públicas a xogar un papel proactivo: “Se durante séculos a administración foi activa na deturpación dos nosos apelidos, o lóxico sería que agora o fose na súa restitución”.

O presidente de Agal (Associaçom Galega da Língua), Eduardo Maragoto, ten claro que “todo o que sexa galeguizar e restaurar as formas galegas dos apelidos é para aplaudir”, se ben engade que “nós pensamos que as formas propostas pola RAG non son as únicas galegas, senón que hai tamén outras grafías”.
 

Cada vez son máis as persoas que optan por galeguizar os seus apelidos. “É un paso que dei por min, polos meus avós e pais, polas miñas fillas e tamén polo futuro deste pobo”, di Ana Montouto, moza arousá que até novembro de 2017 era Montoto.

Patronímicos en risco de desaparición

20 apelidos máis frecuentes (uns 200) na Galiza son case 60% do total. 40% restante corresponde a miles de patronímicos, moitos deles existentes unicamente no noso idioma e que están desaparecidos ou a un paso da súa desaparición: desde Alfaite a Pexegueiro, pasando por Láncara ou Sabugueiro, entre outros.

Temos apelidos galegos case en extinción e a súa forma castelanizada gozando dunha boa saúde. Exemplos? Hai na Galiza pouco máis de 200 Outeiros mais hai 42.000 Oteros; non chegamos aos 1.000 Martíns e  hai 113.000 Martínez; en 2011 ficaban 3 Eanes e había máis de 7.000 Yáñez, a súa deturpación española.
O argumento de que non son deturpacións, senón apelidos que chegaron desde Castela, non se mantén, a teor das persoas expertas. 2% dos apelidos presentes na Galiza teñen orixe vasca, 4% catalá... mais 16% castelán? É excesivo de máis para un pobo de emigrantes, non de recepción de inmigrantes.

Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo, advirte sobre como os hipocorísticos galegos son moitos e están en franco declive. “Os Manueles pasaron de ser Manolos a ser Manus, e os Franciscos de ser Chiscos, Fucos e Farrucos a Frans”, por influencia española. 

“E as modas non son casuais nin espontáneas. Hai unhas causas que acompañan a unha tendencia inicial e lamentabelmente”, di o profesor da Universidade de Vigo, “estas cousas son dificilmente reversíbeis”. Os Canduchos, Carmuchas, Pilochas, Carmelas, Maruxas, Caluchos, Susos, Tuchos… teñen escaso futuro e moitos deles xa desapareceron case por completo. É o caso de Xepe, o hipocorístico galego para Xosé, dado que Pepe procede realmente do catalán, chegando aquí a través do español, segundo Costas. Ou Perucho, de Pedro, que saía aínda na novela de Pardo Bazán Los pazos de Ulloa. Algúns resisten nos alcumes familiares.

As reaccións

Víctor Freixanes (presidente RAG): "Os impedimentos para recuperar a forma galega do apelido non se poden amparar en nada"

María Pilar García Negro (profesora UDC e escritora): "Unha das dimensións  da nosa lingua máis afectadas pola imposición do español é a castelanización e barbarización dos nomes e apelidos"

Gonzalo Navaza (especialista en antroponimia): "Hai que ser moi respetuosos e respectuosas porque toca o patrimonio persoal de cadaquén"

Ana Boullón (investigadora RAG): "A castelanización dos apelidos supuxo unha manipulación administrativa que non pediu permiso ás persoas afectadas"

Marcos Maceira (Presidente A Mesa): "No pasado deturparon os nosos apelidos, o lóxico hoxe é recuperalos"

Eduardo Maragoto (Presidente AGAL): "Todo o que sexa restaurar, galeguizar os apelidos é unha iniciativa a aplaudir"

Xosé Ramón Freixeiro Mato (Ensaísta e profesor UDC): "Eu normalicei o meu apelido, que era Freijeiro, á súa forma galega: Freixeiro. Foi un proceso gratificante. Recoméndollo a todo o mundo"

Nota: Por un erro atribuímos Yáñez como castelanización de Ames e non de Eanes, que é o correcto.

[Esta reportaxe foi publicada no número 290 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]