"EN GALEGO. É LÓXICO"

De Manolo Rivas a Luís Zahera: rostros da cultura apoian o movemento pola declaración da renda en galego

De Manolo Rivas a Luís Zahera: rostros da cultura apoian o movemento pola declaración da renda en galego
[imaxes: Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística]
[imaxes: Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística]  

Luis Zahera, Marta Pérez e Manolo Rivas defenden o galego como lingua de uso nos trámites institucionais. Secundan a campaña da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística que comezou o pasado mes de marzo polo galego na declaración da renda.


O gañador do Goya Luis Zahera e o escritor Manolo Rivas únense ó movemento pola declaración da renda en galego. Así o expuxeron as fotografías compartidas pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. Nelas pódese ver a ambos os dous suxeitando un cartaz ca  lenda A declaración [da renda] en galego. É lóxico. Por dereito.

Estas achegas non son as únicas en sumarse á campaña. A actriz e directora de Inversa Teatro, Marta Pérez, tamén apoia o movemento. Nun comunicado escrito no seu facebook declara que “como galegofalante estou farta da desigualdade lingüística que existe nos órganos da Administración Xeral do Estado. [...] Quero exercer o meu dereito, quero declarar na miña lingua”.

A mobilización por redes é un dos puntos claves dunha campaña que comezou o pasado 12 de marzo co obxectivo de enxalzar a lingua galega como idioma de uso dentro das institucións.  Dende a AFNL buscan a implicación de toda a cidadanía. Ademais da difusión en redes, os impulsores da iniciativa tamén contactarán con sindicatos e partidos políticos para que se sumen e apoien o movemento.

A Asociación de Funcionarias pola Normalización Lingüística explica que, na altura de hoxe, os órganos da Administración Xeral do Estado “teñen como única lingua oficial o castelán. Calquera trámite de oficio sae en castelán aínda que se produza dentro de Galiza. Seguridade Social, Tráfico ou Axencia Tributaria carecen de medops e persoal abondo para ofrecer un servizo de calidade en lingua galega”. As aplicacións informáticas, ademais, non presentan esa opción. “Ao optar pola lingua galega na declaración da renda estamos enviando unha mensaxe á Administración para que tome en consideración a comunidade que usa o galego e non permita situacións discriminatorias”, sinala.