ANA BOULLÓN

"Os nomes das rúas forman parte da nosa paisaxe lingüística"

"Os nomes das rúas forman parte da nosa paisaxe lingüística"
Imaxe CRTVG
Imaxe CRTVG  

Conversamos con Ana Boullón, responsábel da Sección de Onomástica do Instituto da Lingua Galega,  co gallo da IV Xornada de Onomástica, da que é coordinadora ao carón de Luz Méndez, que se realizará o vindeiro sábado, 19 de outubro, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. Organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a xornada contará con catorce especialistas que afondarán no sistema de conformación e na historia dos nomes de rúa na Galiza. "Pouco máis do 15% do total dos nomes de rúas son de mulleres e, desa porcentaxe, máis da metade son referencias a virxes ou santas".


Ana Boullón Agrelo (A Pobra do Caramiñal, 1962) é profesora titular do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, responsábel da Sección de Onomástica do Instituto da Lingua Galega (ILG), onde se realizou a web Cartografía dos Apelidos de Galicia, e membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). A súa actividade investigadora céntrase na onomástica, na lexicografía histórica e na edición de textos, especialmente medievais. Tamén fai parte de diversas sociedades científicas (Asociación de Tradutores Galegos (Vigo), Asociación Galega de Onomástica (Santiago de Compostela), International Council of Onomastic Sciences (Lovaina –Bélxica)), e participa en varias revistas académicas no consello de redacción, científico ou como correspondente. Conversamos con Ana Boullón co gallo da IV Xornada de Onomástica, da que é coordinadora ao carón de Luz Méndez, que se celebrará o vindeiro sábado, 19 de outubro, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. 

A IV Xornada de Onomástica Galega céntrase desta volta na historia colectiva dos nomes de rúa desde múltiples perspectivas. Por que ese interese?

Trátase da IV Xornada de Onomástica que organiza a RAG a través do seu Seminario de Onomástica -o Seminario é o encargado de facer a revisión do Nomenclátor de Galicia-, ao que pertencemos Luz Méndez mais eu, as organizadoras. Un dos intereses que ten a Academia Galega é o de divulgar diversos aspectos da onomástica. A primeira das Xornadas foi sobre microtoponimia, a segunda sobre aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos, e a terceira sobre os alcumes. Sempre buscamos un tema que sexa de interese para a cidadanía. A onomástica é máis que nomes e topónimos e neste caso decidimos enfocar as xornadas cara aos nomes de rúa, que presentan moitísimos aspectos de interese tanto nas cidades como nas vilas e, por primeira vez, tamén dando conta dos nomes urbanos das aldeas, que é algo a destacar. Creo que é a primeira vez que se aborda un traballo deste tipo, que se estudan e investigan os nomes que teñen os recintos urbanos das aldeas. Cando falamos de zonas urbanas automaticamente pensamos en cidades e vilas, pero debemos ter en conta que nas aldeas tamén hai espazos urbanos que teñen nomes e, precisamente por iso, tamén debemos prestarlle atención, aínda que non teñan cartel, aínda que se presenten innominados e non formen parte da paisaxe lingüística.

O programa prestará atención ao compoñente social, histórico e político que subxace nestes nomes. Unha cuestión de hodonimia e patrimonio común. Por que considera importante coñecer a orixe do nome das rúas? 

Os nomes de rúa son, en principio, parte da toponimia, pero realmente estúdanse de maneira diferente porque na actualidade tamén teñen un sistema de nominación lixeiramente diferente ao sistema dos topónimos. As rúas forman parte da paisaxe lingüística. É dicir, cando camiñamos por unha cidade imos vendo os nomes das rúas e podemos comprobar como algúns van cambiando ao longo do tempo. Por outra banda, as rúas tamén teñen un valor simbólico moi importante e por iso moitas veces, cando se produce un cambio de réxime, os nomes das rúas cámbianse. Na sociedade española iso viuse moi ben cando acabou a Guerra Civil, moitísimas rúas víronse con nomes dos vencedores. Nos últimos anos, e non coa mesma aceleración, empezaron a cambiarse. Entón, xa hai tempo que desapareceron os generales Franco e eses nomes máis coñecidos, pero non todos, e foron substituídos aquí por prazas da Galiza, prazas de Castelao… o que non deixa de ser unha reparación simbólica do desastre que supuxo a Guerra Civil e da enorme inxustiza. É moi clara a importancia do valor simbólico, e iso pasa en tódolos sitios. Os poderes políticos son moi conscientes da existencia da paisaxe lingüística e do valor simbólico que teñen as rúas. 

As rúas tamén teñen un valor simbólico moi importante e por iso moitas veces, cando se produce un cambio de réxime, os nomes das rúas cámbianse

Até que punto se pode retroceder na historia dos nomes de rúa?

Normalmente desde a baixa Idade Media temos constancia de nomes de rúas de núcleos urbanos porque aparecen na documentación medieval, como Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Mondoñedo. Aí vemos que os nomes das rúas, como os nomes toponímicos, son bastante persistentes. Por exemplo, a rúa do Franco, da Rúa Nova, Caldeirería, Acibechería, son nomes medievais e están facendo referencia aos profesionais que ocupaban naqueles momentos esas rúas. E estes nomes están dándonos información da maneira de vivir e de desenvolverse eses núcleos urbanos, dánnos unha información histórica que é preciosa, e lingüística tamén porque moitas desas palabras agora xa se perderon ou non se usan nese mesmo sentido. 

Nós na Xornada intentamos facer un percorrido histórico ata chegar a actualidade. Teremos dúas comunicacións sobre os nomes das rúas medievais, que farán Gonzalo Hermo, un gran medievalista, centrándose en Compostela, e o investigador Gonzalo Navaza, quen tratará as rúas de Baiona. A verdade é que poderiamos escoller moitas outras vilas, a propia Pontevedra ten nomes medievais, e nesta cidade o alcalde Filgueira decidira manter os nomes coas dúas denominacións (o propio e o novo), que é unha vía tamén para preservar os nomes tradicionais. Por outra banda, tamén temos unha comunicación por parte dun investigador da memoria histórica, Antonio Miguez Macho, que versará sobre a apropiación do espazo público e memoricidio. El vai explicar os cambios de nomes de rúas que se deron despois da Guerra Civil e a súa posterior restauración, ou cambio, porque moitas veces ponse unha nova conmemoración e non se restaura a tradicional. 

Nese sentido, o encontro tamén acollerá a presentación dunha proposta de modelo para as novas denominacións de rúas: primeiro atenderase ás formas tradicionais antes cás conmemorativas. Cal é o punto de partida nesta proposta? 

A proposta de denominación hodonímica que se fai desde a RAG e a AGOn é primordialmente a de recuperar o topónimo tradicional que hai debaixo das novas vías urbanas porque aquí, cando se amplía un centro urbano é a costa dunha zona rural que ten nomes, e ten nomes a esgalla. Entón, o que nós propoñemos é que se busque un nome dentro dos que xa hai, que deixe de ser microtopónimo para ser hodónimo. Poñamos como exemplo, no outro extremo, o que pasou en Baiona, ou en Rois, onde o concello fixo unha consulta popular para denominar unha nova vía. Ou o caso de Ribeira, onde o concello se postula en contra da propia etimoloxía. E non se trata diso, trátase de respectar o nome dos sitios. Entón, si que parece razoable someter a unha consulta popular se hai dúbida entre dous nomes tradicionais, pero no resto dos casos non pode ser, desde o noso punto de vista. Así mesmo, tamén seguimos as recomendacións do grupo de expertos dos nomes xeográficos da ONU (UNGEGN). Desde esta organización só aconsellan recorrer a nomes conmemorativos en última instancia, mais evitando sempre poñer nomes de persoas vivas ou de persoas que morreran recentemente. Nin tampouco de desastres nin de catástrofes naturais. Parecen cousas bastante evidentes, pero non se fan. Algo parecido acontece tamén coas denominacións das urbanizacións, tema que merece un estudo á parte. Pensemos hoxe nas Mimosas aquí en Santiago, ou nos Tilos, que son denominacións levadas a cabo polo construtor. Estas atópanse no límite do público e o privado. Pero finalmente forma parte do público.

Cando se amplía un centro urbano é a costa dunha zona rural que ten nomes

A mesa redonda que se realizará pola tarde ten que ver con esta proposta na que tamén está involucrada a Asociación Galega de Onomástica (AGOn). Estará formada por catro normalizadoras lingüísticas, Conchi Cochón (SNL do Concello de Pontevedra), Marta Souto (SNL do Concello de Vigo), Iván Méndez (SNL do Concello da Coruña) e Marta Negro (ILG). Elas explicarannos como se fai o proceso de nominación de novas rúas e as súas respectivas experiencias. Mesmo o intento de cambio de rúas que se está a dar ás veces por parte dalgúns concellos porque se quere honrar unha determinada persoa, iso é o que se chama hodonimia conmemorativa, darlle un nome dunha persoa ou dun acontecemento. 

Un deses experimentos máis interesante é o que acontece en Lalín, por exemplo. Lalín tivo un gran crecemento urbano e para as novas rúas non se decidiron a darlle nome e optouse por denominalas rúa A, rúa B, C ou D… Que non me parece mal como solución transitoria. Cando chegou Rafael Cuíña á alcaldía accedeu a facer unha comisión para estudar os criterios e así poñerlle nome a esas rúas. Marta Negro formou parte desa comisión e explicaranos o que pasou alí. Houbo un choque entre os intereses políticos, os topónimos conmemorativos e a conservación da toponimia tradicional. 

Tamén se lle dedicará un espazo aos nomes de rúa nas aldeas? Existen rúas nas aldeas?

É unha aproximación nova que se fai. Son dous profesores de Instituto, Pilar Buela e Carlos Montejano, os que fixeron unha experiencia involucrando ao alumnado para que preguntasen polas rúas das aldeas como se lle chama a eses espazos urbanos. E isto vale dobremente, como experiencia didáctica e tamén como primeira aproximación do que hai nas aldeas. Por que non propoñer que fagan parte da paisaxe lingüística para coñecer como se lle chama? 

Cremos que a onomástica pode servir como recurso didáctico moi interesante para a xente nova que está estudando nos colexios públicos. Este ano vén Suso Fernández Acevedo, do IES de Ribadeo, para falar da toponimia urbana como recurso didáctico: Como se pode traballar cos rapaces e rapazas? A que personaxes se lles dedican as rúas? Hai nomes de mulleres? Esta é outra parte da paisaxe lingüística. Por exemplo, e en resposta á última das preguntas, hai un estudo sobre os nomes de mulleres nas rúas que indica que pouco máis do 15% do total dos nomes de rúas son de mulleres e, desa porcentaxe, máis da metade son referencias a virxes ou santas. Entón, humanistas, investigadoras, escritoras… pouquísimas. Os nomes de rúa reflicten as estruturas de poder e mentres que a muller non alcance o poder non vai aparecer nestes espazos. E é interesante velo desde esa perspectiva tamén, as novas formas de denominación de rúa son un reflexo das estruturas de poder. 

Pouco máis do 15% do total dos nomes de rúas son de mulleres e, desa porcentaxe, máis da metade son referencias a virxes ou santas

Que traballo se está a desenvolver desde a Asociación Galega de Onomástica (AGOn)? 

A AGOn reúne persoas que son investigadoras ou que están interesadas na cuestión da onomástica. Desde a Asociación fixemos investigacións, congresos ect. Agora deixamos de facelos por falta de recursos materiais e humanos. Publicáronse actas con estudos pioneiros no campo da onomástica, por exemplo, hai un moi interesante sobre nomes de vacas -ou de barcos-, que debe ser único no mundo, e é un exemplo máis de que a onomástica non é só nomes de persoas ou lugares. Agora o principal labor que está desenvolvendo, á parte de cousas puntuais, como escribirlle a Rajoy cando foi o de Sangenjo para que nos respecte, ou de poñerse en contacto con concellos para explicarlles o da hodonimia, é a colección Terra Nomeada. Esta sacou ata o momento cinco volumes que se poden descargar e consultar. Con isto pretendemos fomentar a creación de estudos toponímicos nos máximos concellos posibles, cousa que non é fácil. Queremos que teña unha calidade lingüística contrastada e por iso as persoas que o fan teñen un nivel filolóxico importante. 

 Coa colección Terra Nomeada pretendemos fomentar a creación de estudos toponímicos nos máximos concellos posibles

Os nomes de rúa están máis deturpados que os topónimos maiores?

A lexislación é diferente. Aí hai unha cuestión de dereito público. Os topónimos están regulados pola Lei de Normalización Lingüística e depende da Xunta de Galicia. O Nomenclátor dependeu da Comisión de Toponimia, tamén da Xunta de Galicia, entón puideron preservarse os topónimos por iso. Os nomes das rúas non, estes dependen de cada concello e da súa política normalizadora. As novas denominacións son cousa dos concellos e poden poñerlle Rúa da Santa Constitución ou da Intocable Constitución. Aínda así, a saúde da toponimia é boa, a pesar de ter que escoitar Las Tojas ou Sangenjos

Unha das finalidades do Dicionario non é só a de dar información etimolóxica e xeográfica sobre cada apelido, senón tamén a de contribuír para a restitución das formas propias galegas

En 2016 a RAG publicou “Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización”, un pequeno manual que recolle os 1.500 apelidos máis frecuentes (libro en liña que pode consultarse aqui). En que fase de elaboración se atopa o Dicionario dos apelidos

Estamos traballando nel e esperamos que saia proximamente. É moi necesario. A base do Dicionario é recoller os apelidos galegos que teñan no censo máis de 30 ocorrencias, e iso supón unhas 6.000 mil entradas. Hai moitas formas dos apelidos que están castelanizadas, pero que tamén as temos que meter porque existen e están aí. Neste sentido, unha das finalidades do Dicionario non é só a de dar información etimolóxica e xeográfica sobre cada apelido, senón tamén a de contribuír para a restitución das formas propias galegas. Para iso, nas entradas ofrecemos esa información e ofrecemos a forma correcta do apelido. Por exemplo, as formas Feixoo, Feixó son correctas, pero Feijóo* ou Feijó* xa son formas anómalas. Neste caso coincide coa forma portuguesa moderna pero non coa grafía galega. Feijóo non é a forma histórica aínda que coincida coa portuguesa porque os apelidos galegos a partir do século XV pasaron a estar escritos coa ortografía española. Estes sufriron todas as flutuacións que tivo a ortografía española e acabaron consolidándose conforme esta grafía. Outro exemplo é Rey*. Ou Seixas e *Seijas. Na Idade Media escribíase con <x>, Seixas, e a forma española que se introduciu posteriormente foi con <j>. A nosa grafía histórica interrompeuse no século XV. O que hai é moita falta de información. A cuestión do cambio de apelido, da súa restitución galega, das deturpacións que se aceptan, é un tema moi interesante e complicado de tratar, tamén por unha cuestión de apego, polo valor simbólico intrínseco que se lle asocia a un apelido.