Saber holandés ou croata puntuará máis que o galego para traballar nos xulgados

Saber holandés ou croata puntuará máis que o galego para traballar nos xulgados

Coñecer calquera idioma estranxeiro vai ser un mérito máis importante que saber algunha das linguas cooficiais no Estado. Así se dispón nas bases do novo sistema de concurso oposición para cubrir miles de prazas de persoal interino nos xulgados.


A Constitución española non recoñece a igualdade xurídica entre galego e castelán; só é obrigatorio o coñecemento do segundo. A Lei Orgánica do Poder Xudicial confire ao galego un rango subordinado: podéno usar os avogados, partes e peritos, mais só poden usalo os xuíces se ningunha parte alega indefensión por descoñecemento. Na provisión das prazas xudiciais na Galiza o galego non pasa de ser mérito pouco valorado, no canto de obriga. Este preocupante panorama para o galego na xustiza que o avogado Pérez Lema relataba en Sermos Galiza a principios de 2017 non mudou a mellor. Mais ben vai camiño do contrario.

Saber grego, dinamarqués, croata ou holandés puntuará máis que o galego, vasco ou catalán para traballar nos xulgados destes territorios. Informou hai uns días disto El Punt Avui. O coñecemento de calquera lingua estranxeira valerá máis que saber unha lingua cooficial para traballar nos xulgados. Saber un idioma estranxeiro será un mérito máis importante que coñecer o galego para entrar a traballar na administración de xustiza.

Así se recolle nas bases do novo sistema de concurso oposición que aprobou o Ministerio de Xustiza para cubrir miles de prazas de interinos e interinas en todo o Estado, tamén na Galiza, Catalunya ou Euskadi.

“Discriminación” laboral

O departamento de Xustiza da Generalitat de Catalunya xa ergueu a voz contra o que considera unha “discriminación” lingüística e require do Ministerio unha corrección. De non facelo, está disposta a presentar un recurso contencioso administrativo na Audiencia Nacional por vulneración do dereito dos cidadáns a ser atendidos na lingua propia.

O BOE publicou en marzo e abril as condicións destas oposicións para cubrir categorías de funcionarias como auxiliares ou xestoras procesais. A primeira proba será un exame que, de superalo, pasarase a unha segunda, que consistirá na valoración de méritos (aplícase por primeira vez). A subir a puntuación axudan desde os cursos de formación xurídica a coñecementos de informática, e tamén o coñecemento dunha lingua estranxeira.

Pasado este trámite é cando a aquelas persoas que escolleran Galiza, Catalunya ou Euskadi poderán probar os seus coñecementos, que só servirá para mellorar o seu destino nestas comunidades, non para mellorar o resultado global da oposisión. El Punt Avui aponta a posibilidade de que traballadores que leven anos traballando nos xulgados poden agora verse superados en puntuación por outros por saber un idioma estranxeiro.

Até o de agora, para superar as oposicións á administración de xustiza só había que pasar un exame e ao ser un corpo estatal as linguas cooficiais non podían ser requisitos senón simplemente méritos.

Tres décadas

En marzo de 2015 fixéronse 30 anos da primeira sentenza en galego, unha resolución ditada pola Audiencia Provincial da Coruña en 1985 a raíz dun litixio no que estaba inmerso o Concello de Redondela, que foi quen solicitou que fose redactada no idioma propio de Galiza. "Causou estupefacción" lembraba Gonzalo de la Huerga, un dos maxistrados que elaborou aquel texto. Quizás non sexa estupefacción a palabra, mais si abraio ou certo pasmo o que segue a producir hoxe en día atopar unha sentenza en galego.

As resolucións escritas no noso idioma non chegan ao 5 por cento do total, o que leva a preguntar, tres décadas despois daquel auto da Audiencia da Coruña, se aquela sentenza foi un primeiro paso para inaugurar unha etapa de normalización do idioma na xustiza ou foi máis ben un feito puntual.