PALABRAS CON MEMORIA

A salgada no mar e a doce en calquera lugar

A salgada no mar e a doce en calquera lugar
Un renlo, en plena metamorfose que o levará a se converter nunha rá adulta [Foto: Ranapedia]
Un renlo, en plena metamorfose que o levará a se converter nunha rá adulta [Foto: Ranapedia]  

Collerete.- Cágado, cabezolo.

Exemplo: “Alá embaixo hai un regato cheo de colleretes”.

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.

Culler de rabo.- Cágado, cabezolo.

Exemplo: “O nenos andaban na charca á procura de culleres de rabo”.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

Ir a fonte limpa.- (Figurado). Aplícase esta expresión cando alguén ten a versión auténtica de algo e non a do rumor.

Exemplo: “O que dicides non é así, é como eu digo que fun a fonte limpa”.

Lugar de escoita.- Sampaio- Quiroga (Lugo).

Fonte.- Mª Natividad González Alonso.

Platela.- Fonte.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Lucía Prego Vázquez./CPI O Cruce de Cerceda.

Renlo.- Cágado, cría de ra.

Exemplo: “Os rapaces foron ao río e trouxeron renlos en botes para a casa”.

Lugar de escoita.- Bembibre (Val do Dubra).

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.

Rouxa.- Peixe de río de cor negra.

Expresión: “Es como unha rouxa”.

Lugar de escoita.- Lariño.

Fonte.- Andrea Fernández.

Oureol.- Oureol, oriol, oriolo… Especie de paxaro con plumaxe predominantemente amarela que inverna nos trópicos para logo emigrar no verán ás zonas tépedas do hemisferio norte. Pon os seus niños en bosques con río.

Exemplo: (...) "os cucos i os oreoles, teñen máis presa de chegar eiquí que a ningures"

Lugar de escoita: Ánxel Fole ("Á lus do candil")

Fonte.- Enviada por: Claudia Herron Mulet.