PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA

De segunda a sexta feira, na feira de Padrón

De segunda a sexta feira, na feira de Padrón

O ‘mercado’ dos domingos na vila do Sar acolleu a presentación pública da campaña impulsada pola Mesa, Agal e Vía Galego para promover os nomes tradicionais  dos días da semana .


Domingo,segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado. Eis os días da semana tradicionais en galego e no mundo da lusofonía. En Galiza aínda perviven e están vivas en partes do país, se ben nas persoas de máis idade. Para evitar a desaparición destas denominacións, recuperalas e darlles vida diaria xorde a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, Portal Galego da Lingua ( PGL), a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego. A campaña foi presentada publicamente este domingo en Padrón, coincidindo coa celebración das ‘feiras.

No acto, representantes de Agal e da Mesa, así como os profesores da Universidade da Coruña Pilar García Negro e Victorino Pérez Prieto, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A música correu a conta de Gloria Mosquera, de Mamá Cabra, o conxunto que compuxo a canción “Na segunda feira” co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana tradicionais.

Na ‘feira’ deuse a coñecer o material da campaña, de almanques a chapas, pasando pola web (feirando.gal) , ademais de  os obxectivos da campaña. Os promotores da iniciativa xa teñen explicado como algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX. Foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.

Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, os colectivos promotores afirman querer darlles un impulso e evitar a súa desaparición. Segundo A Mesa e a Agal, para as persoas preocupadas polo galego “é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”. Ao que engaden que é un sistema único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo.