Setenta concellos de todo o país reúnense para acordar accións comúns a favor do galego

Setenta concellos de todo o país reúnense para acordar accións comúns a favor do galego
Nel Vidal
Nel Vidal  

O 'Encontro de política lingüística municipal' decorrerá en Compostela este día 16. “O obxectivo principal é actualizar o entusiasmo e activar a implicación dos concellos no fomento do galego”, din na CTNL, organizadora do acto canda o Concello de Santiago.


O Auditorio de Galiza de Compostela acollerá esta segunda feira, 16 de novembro, o 'Encontro de política de lingüística municipal', unha cita á que asistirán por volta de 70 concellos galegos co obxectivo de, apontan os organizadores, “actualizar o entusiasmo e activar colaborativamente a implicación dos concellos no fomento do galego”. Alén dos concellos, asistirán outras entidades implicadas na normalización lingüística, traballando entre todas para procurar chegar “a acordos básicos para un novo impulso do fomento do galego desde as administracións locais”.

“Ante a situación da lingua galega, o noso maior e máis prezado ben colectivo que nos define como galegas e galegos, cómpre tomar iniciativas, con necesario acordo e vital impulso”, indican desde o Encontro. A xornada dará comezo ás 10.00 h coas intervencións de benvida por parte dos representantes das entidades convocantes, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), pola que falará o seu presidente, Nel Vidal, e o Concello de Santiago de Compostela, polo que falará o seu alcalde, Martiño Noriega.

Programa

Ás 10.30 h, haberá unha sesión de exposición e debate de ideas sobre o papel dos concellos para o presente e futuro da lingua, na que intervirán o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a concelleira de Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos; e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. O debate será moderado pola xornalista Fernanda Tabarés.

Após unha pausa-café, ás 12.00 h comezarase a traballar “en ferramentas estruturais necesarias para a política lingüística municipal”, nunha sesión que será guiada por Rosa Moreiras, técnica do Concello de Ames, e Nel Vidal, técnico do Concello de Carballo. O encontro pecharase coa presentación de proxectos colaborativos para o fomento do galego para poñer en marcha conxuntamente polos concellos participantes, como son o proxecto Apego, de socialización en galego na infancia, do que fará Socorro García Conde, técnica do Concello de Santiago de Compostela; o Club de Debate, do que falará Conchi Cochón, técnica do Concello de Pontevedra; ou unha nova iniciativa para o fomento de [email protected] en galego, do que falará Mónica F. Valencia, técnica do Concello de Ourense.



x