ESTUDO DA UNIÓN DE CONSUMIDORES DE GALICIA

Só 2 dos 9 principais grupos de distribución que operan en Galiza aproban na atención en galego

Só 2 dos 9 principais grupos de distribución que operan en Galiza aproban na atención en galego

Un estudo de Ucgal afirma que o dereito a se comunicar en galego cos operadores dos diferentes grupos de distribución, “un dereito básico das persoas consumidoras e usuarias”, “concúlcase por sistema” no SAC, Servizo de Atención ao Cliente.


Un cliente ou usuario que queira comunicarse en galego co servizo de atención ao cliente dos principais grupos de distribución que operan en Galiza bvai ver como ese dereito que ten a facelo na súa lingua “concúlcase por sistema”. É unha das conclusións do estudo que elaborou a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). O traballo, ‘Servizos de Atención ó Consumidor dos Grupos de Distribución’, dado a coñecer a finais de 2015 e elaborado durante seis últimos meses, fíxose en base aos datos achegados da participación de máis de 20 entrevistadores. O estudo avalía os servizos telefónicos de atención ó consumidor por parte destas grandes empresas que operan en Galiza e tamén, aínda que en menor medida, os mecanismos de contacto na web e o uso das redes sociais como nova vía de atención. Tamén valora, entre outros aspectos, o uso da lingua galega ou a política de protección de datos, pero sobre todo as respostas obtidas e a calidade das mesmas.

Só Gadis e Froiz aproban, e Eroski é a que mellor puntuación logra entre os grupos non galegos

Ucgal aponta no traballo que comunicarse en galego cos operadores dos diferentes grupos de distribución, “un dereito básico das persoas consumidoras e usuarias”, incúmprese por sistema. Considera a Unión de Consumidores que os grupos de distribución deberían aplicar unha política empresarial “de respecto aos dereitos lingüísticos dos consumidores tendo en conta as áreas do territorio estatal nas que operen”.

Na valoración do uso do idioma galego por parte dos Servizos de atención ao consumidor a mellor puntuada é Gadis (8.13), seguida de Froiz (7.38). A unha distancia considerábel figuran o resto dos grupos: Eroski (4.44), Hipercor (2.8), Mercadona (2,6), Alcampo (2,01), Lidl (1,88), Carrefour (1,25) e Dia (1,04).

“A nosa valoración”, sinalan da Ucgal, “incide principalmente no feito de que os nosos entrevistadores puidesen usar o galego sen atopar dificultades para facelo”. No traballo detallan que os casos máis graves tiveron lugar cando o operador lles colgaba o teléfono por falar galego ou ben lles respondían en inglés.



x