O Supremo admite que o uso do galego non é "igual ou equivalente" ao do castelán

O Supremo admite que o uso do galego non é "igual ou equivalente" ao do castelán
Real Academia Galega
Real Academia Galega  SG

A sentenza do Tribunal Supremo que rexeita o recurso da Academia Galega contra o decreto de plurilingüísimo recoñece, malia iso, que o uso do galego non é “igual ou equivalente” ao castelán. Mantén a ilegalidade dos dous puntos que xa anulara o Superior de Galiza. 


A sentenza que vén de emitir o Tribunal Supremo respalda a política lingüística da Xunta ao rexeitar os argumentos presentados no recurso da Real Academia Galega contra o decreto do plurilingüísimo. Porén, confirma a ilegalidade dos dous puntos claves do decreto que xa anulara o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a consulta a pais e nais e a liberdade de escolla da lingua nas aulas. 

O Supremo destaca que o galego retrocedeu despois da entrada en vigor do decreto mais tumba o recurso da Academia a quen non recoñece como órgano consultivo da Xunta “nin se infire da normativa vixente que deba ter intervención e emitir preceptivamente informe en todos aqueles proxectos que se refiran ao uso do galego”. 

A sentenza recoñece, pola contra, que o goberno galego, en uso das súas competencias, ten dereito a estabelecer a súa política lingüística sen facer constar ao respecto o que se recolle no Estatuto de Autonomía.  Mais o Supremo dá un paso adiante e chega a afirmar que o decreto non conculca a Carta Europea de Linguas Minoritarias ademais de considerar que a distribución de horas entre galego, inglés e español no ensino é congruente co propio Estatuto de Autonomía. 

Cos datos do IGE

A Sala do Supremo “non nega” que o uso do galego “non pode cualificarse neste momento como igual ou equivalente ao do castelán” e engade que “cabería mesmo aceptar, a efectos dialécticos na medida en que se trata dunha enquisa, os resultados reflecticos polo Instituto Galego de Estatística o 5 de decembro de 2014, respecto da franxa comprendida entre nenos de 5 a 14 anos, no documento aportado pola actora a este procedemento”. Lembremos que a enquisa do IGE puña datos ao descenso do galego nesa franxa de idade afirmando que tres de cada catro menos de 15 anos non falan nunca ou case nunca en galego e que o 22,7% das crianzas respondían “nada ou pouco” á pregunta de se sabían falar galego. 

Se é cuestión política, como en Catalunya

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística, o seu presidente, Marcos Maceira destaca que o Supremo confirma a ilegalidade dos dous puntos fundamentais do decreto que xa anulara o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “Son temas fundamentais que xa foron anulados previamente a agora a nova sentenza confirma a súa ilegalidade, a enquisa a pais e nais para a escolla de lingua e que os rapaces podan falar na lingua que queiran na aula”, explica Maceira. 

“O que se reflicte na sentenza é que a normalización lingüística é unha cuestión política e igual que di que é legal o decreto da Xunta tamén se considerou legal a inmersión en Cataluña ou o decreto de 2007. Dentro do abano de posibilidades, o PP optou pola que reduce a presenza do galego e a propia sentenza recoñece que está en inferioridade de condicións”, afirma o presidente da MNL que insiste na necesidade de que o goberno da Xunta escoite a sociedade e deixe de defender en solitario unha política lingüística que foi rexeitada na rúa. “Quen rompeu os acordos unilateralmente foi o PP. Nós seguiremos reclamando que se cumpran os cordos que se aprobaron por unanimidade como o Plan de Normalización Lingüística tanto en foros no país como internacionais, como fixemos hai pouco na ONU e faremos na UNESCO e na UE co fin de retomar o sentido común con respecto á lingua”, engade. 

O recurso da RAG foi presentado por unanimidade de votos do plenario con Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente. 

BNG e CIG-Ensino lembran as posicións do TSXG

A central sindical nacionalista afirma que a Xunta "mente cando di no seu comunicado de prensa que o TSXG avalou no seu día a legalidade do decreto" pois foi esta instancia a que "tumbou os alicerces nos que se baseaba" ao declarar ilegal a consulta ás familias e ao sinalar que, na etapa infantil, "non poderá haber aulas unicamente en español". 

Desde a CIG-Ensino din non agardar nada do Supremo polo que non lles sorprende o fallo coñecido na quinta feira (25 de marzo). Aliás, acrecentan, "non queremos que a sorte do noso idioma dependa de instancias xudiciais alleas á realidade da Galiza". 

Tamén desde o BNG a deputada no Parlamento galego, Ana Pontón, valorou a desestimación do recurso presentado pola RAG. Neste senso, a parlamentar asegurou que "é mentira que esta sentenza lle dea a razón á Xunta como pretende vender o goberno de Feijóo" ao "botar por terra" o TSXG algúns dos aspectos máis conflitivos do denominado decretazo. 

Neste senso, para a organización frontista "non se trata dun problema de legalidade" senón que "se unha normativa leva ao galego ao peor momento da súa historia, se conduce ao galego a unha regresión que pode acabar por facer desaparecer unha lingua e con ela unha cultura, esa normativa ten que ser cambiada”.