O Supremo pronúnciase contra o galego no caso da ordenanza municipal de Lugo

O Supremo pronúnciase contra o galego no caso da ordenanza municipal de Lugo
Concello de Lugo_Wikipedia
Concello de Lugo_Wikipedia  

[ACTUALIZADA ÁS 20.50] O Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza do TSXG que en 2016 anulou varios artigos da ordenanza municipal que regulaba o uso da lingua galega tras unha denuncia de Galicia Bilingüe, integrada agora na entidade Hablamos Español.


En 2016 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ditaba unha sentenza en que anulaba varios artigos da ordenanza municipal que regula o uso do galego e que foi recorrida pola asociación galegófoba Galicia Bilingüe. Case tres anos máis tarde, o Tribunal Supremo desestima o recurso do Concello de Lugo e confirma a sentenza do TSXG.

O Supremo considera que algúns dos artigos da ordenanza aprobada en 2012 para regular o uso do galego no concello “impoñen” o galego e, en consecuencia, dá a razón ao TSXG ao anulalos –tres deles suprimíronse na súa totalidade e dez, de maneira parcial–.

Por outra banda, o TS xulga que non se debe proclamar que o galego é oficial nun organismo sen citar de maneira expresa que o castelán tamén o é, así como cinguir ao galego os plenos municipais. Tamén estima que o castelán é excluído na rotulación de oficinas e despachos ou en documentación como os contratos municipais.

Artigos afectados

O fallo do TSXG afectou os apartados 1 e 2 do primeiro artigo da ordenanza referidos ao galego como “lingua propia de Galiza” e como “idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo” e nos que se recollía que “as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia”. O TSXG consideraba que “ao silenciar a referencia ao castelán (…) dan a entender que este non é idioma oficial ou que só son válidas as actuacións administrativas en galego”.

Aliás, os apartados 3, 2 e 5 do artigo 3 referidos aos rogos e preguntas das sesións administrativas tamén se ven afectados. O “carácter informativo” da rotulación indicativa de oficinas e despachos “exixe así mesmo que estea redactada en castelán a efectos do seu coñecemento por todos”, sinalaba o TSXG, que anulaba os apartados 2 e 3 do artigo 4 da ordenanza, aqueles referidos a contratistas e provedores municipais, a quen se lles “demandaba” que “fagan uso do galego nos bens e servizos que sexan obxecto do contrato”. O TSXG entendía que era “contrario ao dereito de uso do castelán”.

A sentenza do TSXG tombaba parte do artigo 5 no que tiña a ver co desenvolvemento en lingua galega dos expedientes administrativos e a súa posterior tradución ao español se así fose necesario ou solicitado. Segundo o fallo, “unha tradución do orixinal galego” é “contraria ao uso normal e oficial de dous idiomas”, polo que suprimiu a referencia en que se faría constar que “é tradución orixinal en galego”.

Lara Méndez: "Decidimos recorrer ante o Supremo porque consideramos que o galego necesita un impulso e porque non está en igualdade a respecto do castelán"

En declaracións a Sermos Galiza, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinala que o Concello "evidentemente acatará a sentenza e respectámola, mais non a compartimos". A rexedora lembra que foi aprobada "por unanimidade". "Estivemos todos a unha nesta ordenanza porque entendiamos que o galego o necesitaba", salienta. Coa actual Corporación, e xa unha vez coñecido o fallo do TSXG, "fixemos unha declaración institucional para defender o idioma galego e a ordenanza". "Decidimos recorrer ante o Supremo porque consideramos que o galego necesita un impulso e porque non está en igualdade a respecto do castelán", agrega a alcaldesa socialista.

Pola súa banda, Rubén Arroxo, portavoz do BNG no Concello de Lugo tamén fai fincapé nas circunstancias en que se aprobou a citada ordenanza. "Realmente foi case inaudito que en Lugo se puidese facer unha ordenanza que regulase o uso do galego e que fose aprobada con total consenso por PP, PSOE e BNG", afirma Arroxo a este medio.

Arroxo ve no fallo do Supremo "un novo ataque á cultura e á autonomía local"

O nacionalista lamenta que a normativa municipal fose recorrida por "unha veciña de Vigo, sen ningún tipo de vinculación con Lugo". Arroxo ve no fallo do Supremo "un novo ataque á cultura e á autonomía local".

Maceira: “A sentenza amosa a regresión do Estado español en relación á lingua”

Consultado por Sermos Galiza, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego –entidade que no seu día convocara mobilizacións contra a decisión do TSXG–, afirma que o fallo do Supremo “amosa a regresión do Estado español a respecto da lingua”. Unha regresión, ao seu ver, “fortísima”. “Cando se trata do español, calquera situación é vista como absolutamente normal. Pola contra, dise que é imposición situar o galego nunhas condicións semellantes ao español”, expresa.

Maceira: "O fallo amosa a carga de prexuízos ideolóxicos e o desprezo absoluto á diversidade lingüística ao Estado Español"

Maceira lamenta que o Supremo considere que o “único que ten dereito a existir e a ter unha presenza absoluta” sexa o español. O presidente da Mesa advirte de que con esta decisión “retrotraémonos, pola porta de atrás, á época anterior á Lei de Normalización Lingüística, aprobada hai máis de trinta anos”.

Na mesma liña, sinala que é o fallo “amosa a carga de prexuízos ideolóxicos e o desprezo absoluto á diversidade lingüística ao Estado Español”. “O galego ten que ir obrigatoriamente da man do español cando o español pode ir só sempre?”, reflexiona o portavoz de Queremos Galego, quen advirte de que a decisión do Supremo é contraria ao que dita a Carta Europea de Linguas Minorizadas, cuxo incumprimento por parte da Xunta foi levado á Eurocámara pola Mesa.


 



x