O GALEGO PERDE FALANTES SEGUNDO UN ESTUDO DO IGE

SXPL sobre os dados do IGE: "Cada vez temos máis persoas que len e escriben en galego"


SXPL sobre os dados do IGE: "Cada vez temos máis persoas que len e escriben en galego"

Di que as estatísticas do IGE achegan "cousas boas" sobre a situación da lingua galega mais que diso "non se fala". 

O secretario xeral de Política Lingüística valorou sucintamente os dados proporcionados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en relación á lingua galega. Presionado pola deputada do Bloque, Ana Pontón, que lle preguntou até en dúas ocasións pola opinión do goberno galego ao respeito, García asegurou que a estatística achega "cousa boas" embora "se lle dediquen máis titulares ás cousas malas". 

As declaracións de Valentín García producíronse na Comisión 4ª de Educación e Cultura. Para o responsábel de Política Lingüística os dados publicados amosan un incremento no número de persoas que din "escribir" e "ler" correctamente en galego ao tempo que subliñou a porcentaxe de persoas entre 15 e 30 anos que di posuír mellores competencias autopercibidas da lingua propia, un feito que adquire segundo Valentín García un importante valor ao se tratar de persoas en etapa de "madurez" que dan o "paso ao galego".

"Temos a xeración máis preparada", apuntou Valentín García, "isto non o conta ninguén se non o contamos nós"

"Isto non o conta ninguén se non o contamos nós", dixo. "Temos a xeración máis preparada" apuntou, en relación á primeira xeración que accedeu a un ensino en lingua propia. 

Aliás, o secretario xeral comparou as cifras galegas coas de Euskadi e Catalunya sendo Galiza o territorio que "aínda" contabiliza o número de falantes "monolingües".  Neste senso, cumpre lembrar que os dados publicados polo IGE amosan un acusado descenso do uso do galego entre as faixas de idade máis novas até o punto de que só o 25% das persoas menores de 15 anos emprega a lingua propia con normalidade. 

Desde o grupo parlamentar do BNG acusaron a Xunta de Galiza de ser responsábel do retroceso na normalización de usos do galego e responsabilizaron a política "lingüicida" do goberno galego da perda de falantes. "Que saiban vostedes que están a aincumprir a Lei de Normalización Lingüística, o Plan de Normalización Lingüística e a Carta europea das linguas", denunciou Ana Pontón.