COMO DICILO?

Tanto e máis

Tanto e máis

Citabamos en artigos pasados (Xan e Pedro, Como como) algúns exemplos de frases feitas nos que nunha comparanza a relación era de igualdade. Lembrabamos, por exemplo, tan bo é Xan coma o seu irmán (e variantes) e mais comparacións do tipo calado como un peto ou tremer como unha vara verde.

Podiamos tamén agora engadir  outras sobre o mesmo modelo :

           

Tan bo é o demo como a súa nai

Tan honrado é o caldo como as castañas

A primeira das frases –negativa para a nai do demo- vese, con todo, contradicida ás veces polo seu comportamento nalgúns contos populares. É ela a miúdo quen acocha e protexe os cativos e cativas en perigo e os libra do seu fillo. Despois de todo, unha nai é sempre unha nai  e axuda a fillos alleos que o precisen.

As comparanzas de superioridade adoitan a se construír co verbo ser ou co verbo ter :

 Ser máis parvo que feito de encarga

Ser máis coñecido que a ruda

Ser máis festeiro que unha gaita

Ser máis falso que unha mula

Ser máis forte que unha noz ferreña

 Ser máis negro que as ás do corvo

Ser máis vello que andar a pé

 Ser máis longo que un día sen pan

Ter máis anos que un carballo vello

 Ter máis cravos que unha porta vella

A  conto de encarga, ímonos deter un pouquiño na chamada  «derivación regresiva ». Consiste esta na creación de palabras, de substantivos, a partir de verbos para denominarmos a acción indicada por eses verbos, mais en vez de agrandarmos a palabra (como cos sufixos –ión, -ento, -ura, etc.) facemos o substantivo máis corto que o infinitivo : así de encargar> encarga, de pechar< peche, de traballar> traballo, etc.

En galego é moi frecuente a derivación deste tipo formando femininos en –a como na locución que nos deu pé. Case todos proceden de verbos en –ar : de falar unha fala, de  achegar unha achega, de sachar unha sacha, de conversar unha conversa, de estrear unha estrea, de regar unha rega, de mallar unha malla, de obrigar unha obriga, de fretar unha freta, de rapar unha rapa, de mercar, unha merca, de salgar unha salga, de fartar unha farta, de  secar unha seca, de labrar  unha labra, e tantos outros. É pouco frecuente en verbos en –er (de perder unha perda, de  vender unha venda, de render unha renda, de escoller  unha escolla…) e moi raro en verbos en –ir (de subir unha suba).  

Manteñamos sempre a fala, o diálogo, a comunicación, compañeira da solidariedade e do benquerer como recolle esta cantiga :

            Dáme da pera que comes !

            Da mazán un bocadiño !

            Da túa boca unha fala !

            Do corazón un cariño !