COMO DICILO?

Tocar

Un birimbao
Un birimbao  

Aí atrás citabamos unha nosa cantiga popular (pousa, pousa e non me toques  aquela cousa)  que utiliza o verbo tocar xogando co dobre sentido do verbo. A ambigüidade nace  entre os dous significados que o dicionario da Academia Galega define como "poñerse ou entrar en contacto físico con algo ou con alguén" e mais "facer soar un instrumento musical".  Esa ambigüidade permite insinuar lenemente no terreo da retranca empregando frases feitas como tocar o violo, o violón ou o violín, tocar o birimbao ou mesmo tocar a gaita para non ofender a persoa á que nos diriximos.

Naturalmente, sen sermos conscientes da brincadeira non entenderiamos que un son de música puidera ser presentado como desagradábel se fora executado correctamente. Non me toques o birimbau en absoluto significa descualificar este instrumento musical presente en case todo o planeta e que serviu inclusive para compor pezas de música clásica. Claro que hai gustos diferentes. Non me toques o violo, o violín, o violón, non me abures, non me amoles, non me molestes. Está lonxe o tempo en que estes instrumentos andaron medio abandonados en mans dos cegos ambulantes e moitas veces,  malia o seu lamentábel estado de conservación e malia a escasa formación dos instrumentistas, estes músicos trasmitíronnos un importante legado.

Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades e as valoracións sociais  tamén mudan: a música popular tradicional e os instrumentos a ela asociados, algún día considerados expresión de menor cultura e de ruralismo  oposto á "urbanidade", hoxe son valorados sen prexuízo e a gaita ou a zanfona -por exemplo- son  moi aprezados no ámbito académico.

Tamén a percusión ou o metal, de ser considerada unha simple "fonte de ruído" pasa a ver recoñecidos os seus importantes valores expresivos e rítmicos que poden nun determinado momento asociarse prioritariamente a estes instrumentos.  En calquera caso, locucións populares como cargado de bombo ‘facendo un ruído excesivo ’, a toque de corneta ‘obedecendo unha disciplina férrea‘ ou a toque de caixa ‘cumprindo ordes estrictas e inmediatas‘ proceden con seguridade  do eido militar.

E volvendo ao doce son do violín sinalaremos outra frase feita  que se emprega nun uso  normalmentecoloquial, familiar e rexoubeiro: de violín, é dicir ‘gratis, de moca, de clo-clo’. Como por exemplo en :

    

 Hoxe fun de restaurante e comín de violín.

 Como se pagásemos o servizo cunhas suaves notas da súa melodía.

 Que nunca precisan de ser afogadas polo balbordo, por máis que o efectismo busque o aplauso e ás veces o atope cargando de bombo.
 



x