O topónimo si, mais o apelido non mo toque

O topónimo si, mais o apelido non mo toque
[Imaxe: edu.xunta.es]
[Imaxe: edu.xunta.es]  

A onomástica é un dos campos do léxico que máis se resiste á restauración lingüística. Este ámbito aínda resulta máis conservador cando nos referimos aos apelidos. Dado o seu carácter hereditario, os apelidos son menos dados aos cambios. Aquí dáse un paradoxo: mentres hai formas restituídas na toponimia, os apelidos coincidentes (de orixe toponímica) continúan castelanizados.


7Souto; Laxe; Outeiro; Coruxido; Seixas; Xesta; Pousada; Cruxeiras; Vilariño… na toponimia, mais Soto; Lage; Otero; Corugido; Seijas; Gesta; Posada; Crujeiras; Villarino… nos apelidos. A Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, determinou que os topónimos terán como única forma oficial a galega, mais nada se di dos apelidos. Tampouco dos que teñen unha orixe claramente toponímica e que foron deturpados.

En Os nomes da Estrada (Edicións Fervenza), un dos últimos libros sobre toponimia publicados, recóllense numerosos exemplos de topónimos coincidentes con apelidos. A súa autora, Clara Iglesias, ten detectado casos como o de Reguengo, deturpado a Regengo ou a Regenjo. O topónimo non só se recolle na Estrada, aparece en concellos como Toén, Lalín, Mos, Baralla, Crecente, As Neves ou Xermade, entre outros. “Procede de Regallengum, que deriva de Rex (rei), e as vilas de Reguengo eran aquelas que non dependían nin dun señor feudal nin da Igrexa, senón que pagaban o foro directamente ao rei”, explica, en declaracións a Sermos Galiza, a profesora. “Este topónimo aparece como apelido na Estrada, mais deturpado a Regengo, e en Sanxenxo, a Regenjo. Do seu orixinal, Reguengo, existen algúns casos por Ourense”, engade.

Estudou un caso semellante Carlos Méndez, autor de varios estudos de toponimia e ensaios antropolóxicos, como é Toponimia de Gomesende (Toxosoutos). “En Cartelle existen os topónimos Couxil e Couxiliño, mais o apelido, claramente toponímico, castelanizouse a Cougil”, relátanos o docente, que tamén ten pescudado sobre os apelidos tipicamente galegos de Ramirás, A Bola e Pontedeva.

Un prexuízo antigalego

Clara Iglesias sinala que cos apelidos “cadaquén fai o que lle parece, xa que entende que é da súa propiedade persoal, como pode ser un coche, e que pode escribilo como queira”. “No fondo, creo que quen non quere restituír o seu apelido é porque esconde un prexuízo galego, de forma inconsciente”, afirma, “hai quen di que como se vai apelidar distinto aos seus irmáns, mais iso é unha escusa inconsciente; aí pesa o autoodio”.

Abondou coa decisión unilateral dun escribán ou crego para mudar os apelidos xenuinamente galegos por outros en castelán

“A lei de normalización ten un aspecto moi bo, que é o da toponimia. Eu diría que é o único punto que se fixo ben, porque no resto é unha lei moi tímida. Porén, na antroponimia non se quixeron meter porque entenderon que podería ter unha reacción social moi forte”, salienta a autora de Os nomes da Estrada, quen defende unha normativa que lexisle sobre os apelidos, pois “non son persoais, pertencen ao patrimonio do país, ao patrimonio común, e transmítense de xeración en xeración, non como os nomes”. Explícanos que non galeguiza Iglesias porque entende que non é un apelido de orixe galega, “xunto con Rei e Expósito eran os apelidos que o Estado puña aos rapaces que se criaban na inclusa”. “Polo que eu sei, nunca existiu na súa forma galega, e sempre se puxo en castelán”, agrega.

Clara Iglesias salienta que a deturpación dos apelidos é recente, “do século pasado”. “Deturpalos era moi fácil, bastaba que un cura decidise cambialo nun momento dado”, conclúe. A este respecto, o estudoso Xosé María Lema ten advertido de que a castelanización de nomes e apelidos “é posíbel que sexa máis recente do que pensabamos (…) abondou coa simple decisión unilateral do escribán ou crego para mudarlle a un labrego o seu nome ou apelido xenuinamente galegos por outro equivalente en castelán”.

A resposta á deturpación está no feito de que a galega “foi sempre unha cultura B”. Así o argumenta Carlos Méndez, quen pon de manifesto que debería promoverse, a través da lexislación, a restauración dos apelidos na súa forma natural, a galega. Ademais, insiste na necesidade de evitar a perda de topónimos de aldeas e lugares que están ficando desertizados no interior.

Un trámite áxil e sinxelo

Tras a reforma de 1999 da lei do rexistro civil, a restauración dos apelidos para os regularizar ortograficamente é un trámite sinxelo e áxil sempre e cando a forma inscrita non se adecúe á gramática e á fonética da lingua galega. Desde entón moito se ten avanzado. A Real Academia Galega, coa finalidade de facilitar a restitución das formas correctas, editou en 2017 Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, un libro que recolle unha listaxe normalizada de 1.500 apelidos que abranguen perto do 90% da poboación galega e que resulta de utilidade para o persoal dos rexistros civís. A Mesa pola Normalización tamén promove a restauración dos apelidos cun modelo de instancia que pode descargarse da súa páxina web.

Antes do cambio de 1999 a restauración dun apelido deturpado á forma orixinal era un trámite molesto e complexo que non sempre daba os froitos esperados. Francisco Rodríguez, quen fora deputado do BNG no Congreso naquela altura e quen se erixira nun dos principais defensores da restitución dos apelidos á súa forma orixinal, chegara a ter que explicar no hemiciclo que nin sequera se permitía a restauración de apelidos exclusivamente galegos. Puña daquela como exemplo a negativa a mudar Villameá –forma deturpada sen significado en castelán– por Vilameá –vila situada no medio–. “Non se trata de galeguizar apelidos casteláns, senón de restaurar nas súas formas orixinarias apelidos que están deformados, como o de Villameá, por exemplo, que mesmo figura en partidas de nacementos de anteriores xeracións como Vilameá”, advertía en decembro de 2000 nunha iniciativa parlamentar relativa ás trabas no cumprimento da Lei 40/1999, de 5 de novembro. Unhas trabas que, aínda que en casos moi puntuais, seguen a ter lugar hoxe en día debido, sobre todo, á reticencia persoal dalgunha traballadora ou traballador de rexistros civís.

Mudar a orde para garantir o futuro

Naceu sendo Esther García Lueiro, mais desde hai vinte anos é Esther Lueiro García. “Aínda que García tamén é un apelido galego, quixen garantir a pervivencia de Lueiro porque hai poucas persoas que se apeliden así”, explica en declaracións a este medio. O trámite foi sinxelo, “era maior de idade, fun aos xulgados de Compostela e dixen que quería mudar a orde dos apelidos: entrei como García Lueiro e saín como Lueiro García e as miñas irmás fixeron o mesmo. Despois, co papel do xulgado na man, non tiven problema ningún á hora de mudar o carné de identidade e o resto da documentación”.

"Cando naceron as nenas, tiven que recoñecer o pai no xulgado, mais cando solicitamos a mudanza da orde dos apelidos, dirixíronse a el, pois tiña que ser el quen a autorizase"

Esther tamén lle mudou a orde dos apelidos ás súas crianzas, Sarela e Mariña. “O trámite neste caso pareceume machista porque cando as nenas, que van facer oito anos, naceron, tiven que recoñecer o pai no xulgado, xa que non estabamos casados nin eramos parella de feito. Porén, xusto despois de recoñecelo, indicamos que queriamos que as nenas fosen Lueiro Piñeiro e non Piñeiro Lueiro e dirixíronse ao pai para que el autorizase a mudanza”, conclúe.