COMO DICILO?

Tronco, por Henrique Harguindey

Tronco, por Henrique Harguindey

Seguindo coa fraseoloxía creada a partir da totalidade do corpo humano, temos agora o tronco, que por tras está constituído -dende o pescozo ao van ou cintura- polas costas ou lombo e mais –dende o van ao comezo da perna- polo cu ou traseiro, que chamamos as nádegas na súa carnosidade exterior (de aí a expresión dar/levar unhas nadegadas).

Lombo e costas son palabras sinónimas que empregamos indistintamente, non sendo en certas expresións que indican situación ou posicionamento  (estar de costas a, volver/virar as costas, poñerse de costas…) nas que non poderiamos utilizar lombo. Outramente son practicamente intercambiabeis e mesmo aparecen ás veces con ambas formas nas frases feitas.  É o caso de medirlle o lombo /as costas a alguén, andarlle no lombo/nas costas (ambas expresións co significado de ‘baterlle, zouparlle’), baixar o lombo/as costas (‘traballar’ ou ‘someterse’), etc.

O aro do lombo, o fío do lombo, o carrelo do lombo son expresivas denominacións populares da columna vertebral.

E velaí algúns exemplos de frases feitas ben ocurrentes e irónicas:

Cando alguén pide axuda a outra persoa e esta responde que non pode darlla, que lla foi pedir a unha persoa máis necesitada aínda, pode atopar como resposta :Ti que non podes, lévame ás costas!

Cando se está caracterizando unha falsa solución, que non resolve un problema, pódese dicir: É como ter tose e rañar o lombo.

Cando no medio dun grave problema se quere dicir que a cousa aínda puido ser peor, podemos escoitar: En canto  o pau vai e ven, descansa o lombo.

A zona do van, dos riles, da cadeira, é chamada na nosa lingua os cadrís (palabra galega e portuguesa que non figura no dicionario on line da Academia Galega). Tradicionalmente dise que doen os cadrís, non os riles ou as cadeiras, nin que se ten lumbago.

No remate traseiro do corpo está o cu, que orixina moitas locucións como facer do seu cu un pandeiro ‘dispoñer libremente do seu’, verlle o cu á curuxa ‘pasar moito medo por un grave perigo ’ (non esquezamos que a curuxa era considerada un paxaro de morte) ou tanto ten dar no cu como no cu dar –coa variante azoutar e dar no cu todo é un-  é dicir ‘son exactamente igual unha cousa que outra’. Facer de boca cu é obrar ao contrario do que se prometera, volverse atrás do que se dixo e mantivo, algo que vemos (e se cadra tamén facemos) con moita frecuencia.

Na parte dianteira superior do corpo humano está a arca do peito, a caixa torácica formada entre as costasas costelas. En rigor –e para que non haxa equívocos- diremos formada entre as costelas porque a palabra costela non denomina só a parte dianteira (que polo seu aspecto máis pequeno e feble xustificaría o diminutivo orixinal, cost-ela) senón que denomina o oso enteiro que, partindo da columa vertebral, fai semicírculo no corpo.

 E no exterior desa arca,xa na pel,  as persoas (mulleres e homes) teñen os bicos dos peitos, os mamilos.

 Sinalaremos tamén unha expresión figurada para denominar unha gran opresión sobre a caixa torácica: ter unha laxe no peito.

Mais rematemos con alegría dentro de nós:

            A lúa vai encuberta,

            a min pouco se me dá,

            que a lúa que me alumea

            dentro do meu peito está.

            En boa arca.