A Xunta electoral redixe as actas de edil só en español, denuncia A Mesa


A Xunta electoral redixe as actas de edil só en español, denuncia A Mesa

O órgao exclúe o galego de boa parte das notificacións. Un feito que non acontece con ningunha outra lingua oficial, segundo denuncia A Mesa.

Acta

O 29 de maio as persoas eleitas como representantes das 314 Cámaras municipais galegas o 24-M comezaron a recoller as notificacións oficiais que acreditan o seu carácter de [email protected] Porén, só puideron facelo en español, unha ampla maioría, após a Xunta electoral excluír a lingua propia de Galiza dos documentos.

Segundo denuncia A Mesa pola Normalización Lingüística até o de agora as credencias eran expeditadas en galego ou en versión bilingüe mais, nesta ocasión, unicamente puideron ser retiradas en español. 

((Preme na imaxe para despregar))

“A reincidencia na exclusión do galego, mesmo como opción, en todo o ámbito da xustiza mostra unha especie de insubimisón diante da oficilidade do galego no noso territorio que proclama o estatuto de autonomía de Galiza", sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. “Actúan simplemente como se o galego non existise”. 

Neste senso, na provincia da Coruña diversas persoas solicitaron tradución para o que é preciso que desde a Xunta electoral redixan o texto manualmente pois, explican desde A Mesa, o programa informático fornecido pola empresa Indra non posúe a aplicación automática en galego.

Desde a asociación en defensa da lingua subliñan que, segundo puideron comprobar, o galego é o único idioma oficial excluído destas notificacións pois non acontece así co euskera ou o catalán. 

A exclusión foi atribuída a "problemas informáticos". Porén, desde A Mesa aseguran que "non se trata de casos puntuais senón xeralizados" e lembran que o acontecido xa foi denunciado en abril.