A Xunta quer prescindir do profesorado especializado na formación de galego para o Celga

A Xunta quer prescindir do profesorado especializado na formación de galego para o Celga

A Xunta bota man de profesorado funcionario de Lingua e Literatura Galegas de Secundaria, ''sen garantir a capacitación axeitada para a formación lingüística da poboación en xeral, e pagándolle como horas extras''. Así o afirman desde a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL).


A Secretaría Xeral de Política Lingüística está intentando prescindir do profesorado específico dos cursos de galego para persoas adultas, que denunciou a súa precaria situación laboral, e quere botar man de profesorado funcionario de Lingua e Literatura Galegas de Secundaria, sen garantir a capacitación axeitada para a formación lingüística da poboación en xeral, e pagándolle como horas extras. Esá e a denuncia que fan desde a CTNL, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua.

A CTNL sinala que desde a Secretaría Xeral estase a chamar a profesores de Lingua e Literatura Galega de secundaria edas Escolas Oficiais de Idiomas para lles ofrecer a docencia dos cursos preparatorios para a acreditación do Celga, que computarían como horas extras. Para a Coordinadora esta decisión adóptase para non ter que recoñecer os dereitos laborais que o profesorado inscrito nas listaxes da propia Secretaría conseguiu a través dunha denuncia na Inspección de Traballo. De aí que, inciden, se estea actuando sen que haxa constancia por escrito.

A CTNL quere mostrar a súa desconformidade con esta decisión, “tanto pola problemática laboral que supón e que afecta a máis de cincocentas persoas que están inscritas nas listaxes de profesorado e que levan moitos anos impartindo estes cursos, como pola perda de calidade da formación que supón prescindir do profesorado especializado nesa formación concreta”.



x