Academia das Ciências de Lisboa nomea tres galegos académicos-correspondentes

Academia das Ciências de Lisboa nomea tres galegos académicos-correspondentes
academia das ciencias lisboa portugal lusofonía
academia das ciencias lisboa portugal lusofonía  

José-Martinho Montero Santalha, José Ângelo Cristóvão Angueira e Isaac Alonso Estraviz toman posesión dos cargos este 14 de xullo. Fixeron parte da ACL Carvalho Calero ou Guerra da Cal. A ACL asesora do goberno luso en cuestións de lingua. 


Este 14 de xullo terá lugar unha sesión da Academia das Ciências de Lisboa (ACL) na que os galegos José-Martinho Montero Santalha, José Ângelo Cristóvão Angueira e Isaac Alonso Estraviz tomarán posesión como académicos-correspondentes da Galiza. Non é a primeira vez que hai galegos na institución asesora do goberno portugués en cuestións de lingua, mais si que se recoñecen pola ACL como “de Galiza”, creando así a categoría para o noso país. Nomes como Guerra da Cal ou Carvalho Calero, que eran correspondentes na ACL, facíano como “de Espanha” pois só se recoñecían os estados. “Desde o ámbito académico recoñécese que existimos, que Galiza está aí”, considera Ângelo Cristóvão Angueira en conversa con Sermos Galiza. Aponta a que estes pasos supoñen normalizar unha situación existente. “Tamén na nosa academia (pola Academia Galega da Língua Portuguesa, AGLP ) temos correspondentes portugueses” e sitúa o foco na aprobación da coñecida como Lei Paz-Andrade.

"Desde o ámbito académico recoñécese que existimos, que Galiza está aí"

“Esa Lei dá un cadro xurídico, unha sustentabilidade legal e aprobouse por unanimidade parlamentar”, lembra, ao tempo que destaca que “o goberno español non apresentou recurso de ningún tipo a esa lei”. Unha lei, engade, “que non caeu do ceo” senón que debe ao “traballo durante décadas de entidades excluídas do ámbito oficial”, en referencia ao reintegracionismo. Neste ponto, destaca o papel da AGLP á hora de preparar o terreo e “abrir portas” ao goberno galego na CPLP.

Lingua nacional

Entre outros temas, a AGLP traballa, a solicitude da Academia das Ciências de Lisboa, nun contributo lexical: palabras propias de Galiza, do léxico actual que está na lingua oral e escrita na Galiza e que se incorporarán á renovación do dicionario que está a facer a ACL. “Por exemplo lóstrego ou brétema”, explica Angueira. “É un léxico que hai aquí, de uso corrente e que vai ser incorporado ao Dicionario como 'galeguismo'”. Para el, isto vai no camiño de “normalizar o que o galego é, unha forma nacional da lingua común”. Un dos obxectivos da AGLP, como o é tamén, indica, "o asesoramento de poderes públicos en materia de lingua portuguesa e de relacións coa lusofonía". Un campo que está a gañar cada vez máis protagonismo.