Compostela entra na Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa 

Compostela entra na Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa 

Faino como membro observador. A UCCLA foi fundada o 28 de xuño de 1985 co obxectivo de fomentar o entendemento e a cooperación entre os seus municipios membro.


O pleno composteán aprobou por unanimidade a adhesión de Santiago de Compostela á Unión de cidades capitais de lingua portuguesa (UCCLA) como membro observador. A UCCLA foi fundada o 28 de xuño de 1985 co obxectivo de fomentar o entendemento e a cooperación entre os seus municipios membro; o intercambio cultural, científico e tecnolóxico; e a creación de oportunidades económicas, sociais e de convivencia, tendo en conta o progreso e o benestar dos seus habitantes.

Co acordo plenario compostelán dáselle cumprimento á Lei Paz Andrade para o aproveitamento da língua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Esa lei indica que os poderes públicos galegos promoverán o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas para afondar nos vencellos históricos que unen Galicia cos paísés e comunidades de lingua portuguesa.

Os estatutos da UCCLA establecen que poden ser membros observadores as comunidades lusófonas e as cidades lusófonas e non lusófonas que queiran acompañar a actividade da rede. Entre as cidades membro da UCCLA están urbes como Brasilia ou Coímbra (efectivos) ou Belo Horizonte (observador), entre outras moitas.