Finou Bento da Cruz, o portugués que narrou a guerrilla antifranquista galega

Finou Bento da Cruz, o portugués que narrou a guerrilla antifranquista galega
Bento da Cruz
Bento da Cruz  

No Porto e con 90 anos, finou este 25 de agosto, Bento Gonçalves da Cruz, máis coñecido como Bento da Cruz, o grande escritor portugués que narrou a guerrilla antifranquista en O lobo guerrilleiro. 


O lobo guerrilleiro foi o romance que achegou de maneira singular a Bento da Cruz ao panorama literario galego cunha obra coa que gañaría o Premio Diário de Noticias en 1991 e Edicións Xerais publicaría, na normativa galega, dous anos despois, en adaptación de Moncha Fuentes. Na novela, o escritor e médico nado na aldea de Peirezes, Montalegre, construía un relato arredor da figura de André Lobo, fillo de labregos natural do Barroso que se convertería nunha das máis coñecidas obras arredor da guerrilla antifranquista que se moveu nese territorio ás dúas beiras arraianas. Na Raia Seca, lindando co Couto Mixto, o espazo literario de Bento da Cruz era tamén o ámbito de actuación dun movemento guerrilleiro que el tornou motivo da súa escrita. 

De grande suceso en Portugal, a obra de Bento da Cruz pasaría tamén a formar parte da literatura creada arredor do golpe do 36 e a posterior represión. A relación de Bento da Cruz coa Galiza tería outro punto de relevo ao gañar en 1999 o Prémio Eixo Atlântico de Narrativa Galega e Portuguesa. De 2005 é a súa obra Guerrilheiros Antifranquistas em Trás-os Montes, na que, entre outros relatos, recolle o tráxico episodio de represión do Cambedo. En 2011, a Asociación Arraianos nomeouno Arraiano Maior, a terceira persoa en acadar o premio despois de Méndez Ferrín e Padre Francisco

A relación de Bento da Cruz coa Galiza tería outro punto de relevo ao gañar en 1999 o Prémio Eixo Atlântico de Narrativa Galega e Portuguesa

De orixe rural, Bento da Cruz levaría á súa obra a pobreza que viu na súa infancia da que saíu cunha primeira etapa de formación relixiosa que abandonaría para se formar en Medicina en Coimbra, profesión que logo exercería en especial na rexión de Barroso, escenario da súa coñecida novela. Relevante é tamén o seu papel no ámbito do xornalismo, no que fundou e dirixiu o Correio do Planalto. 

A súa conta de romances comezou con Hemoptise, publicado en 1959 co pseudónimo de Sabiel Truta, e continuou con obras como Planalto em Chamas, Ao Longo da Fronteira, Filhas de Loth, Contos do Gostofrio, O Lobo Guerrilheiro, Histórias de Lana-Caprina, O Retábulo das Virgens Loucas, A Loba, A Lenda de Hiran e Belkiss ou A Fárria



x