''Daquela toda Galiza era un campo de concentración''

''Daquela toda Galiza era un campo de concentración''
Compostela mullerenaxea as Marías. Debaixo das roupas e da maquillaxe rechamante, as dúas mulleres retratadas na estatua da Alameda da cidade agochan as marcas da represión vivida após o levantamento fascista do 18 de xullo do 36, tal día como hoxe hai 76 anos

"Pasaban todos os días polo postiño que tiñamos na praza e a miña nai dicía: Son as dúas, que veñen aí as Marías''. Luz Fandiño, poeta, escritora, feminista e memoria viva, muller ben coñecida e querida en Compostela, coñeceu de primeira man a historia de resistencia de Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño. Cadrando co levantamento militar fascista do 18 de xullo do 36, a libraría feminista Lilith e a cooperativa As Dúas quixeron traer ao presente, recordar --facer pasar, máis unha vez, polo corazón-- as vidas das dúas mulleres retratadas na estatua de cores rechamantes que hai á entrada da Alameda da capital galega. 

Eran doce @s [email protected] do zapateiro da rúa do Espírito Santo, nove homes e tres mulleres. O pai e tres irmáns foron militantes activos da CNT na II República, mais o alzamento veu truncar as súas ansias de liberdade. Un foi paseado. Os outros dous fuxiron e ficaron agochados varios anos, até que deron con eles e os encarceraron. A elas torturáronas. Querían información sobre os irmáns varóns. Sufriron unha violencia que se cebou daquela especialmente coas mulleres: ameazas, persecucións, o aceite de ricino, o pelado da cabeza, o acoso dos falanxistas. Foron privadas de traballar. A xente non lles entraba as portas do taller de costura que rexeitaban ao non querer que @s acusaran de colaboracionistas.

"A través da loucura recuperaron o soño da mocidade", di o texto ao que deu lectura Fandiño nun acto que xuntou ao redor de 30 persoas. Co vestir e coa maquillaxe desafiaron o gris da ditadura. "Eran ledas, mais tamén eran rebeldes", conta Luz, traendo á memoria a anécdota "dun día que as insultaron diante do noso postiño, chamáronlles putas. E elas responderon deseguidiña! 'Tes envexa de nós porque somos guapas?' Eran mulleres sen pelos na lingua". E, a pesar diso, os insultos e as pedradas pola rúa eran o pan de cada día para as Fandiño. "Á terceira, Sara, non a coñecín. Vivía na Coruña", explica a escritora. 

Estaban "escuálidas" e non tiñan dentes. Semellaban "saídas dun campo de concentración, mais é que naqueles anos toda Galiza era un campo de concentración!", sentenza con xenreira a tenra Luz Fandiño. Coas últimas liñas do escrito chegaron os primeiros acordes da guitarra de Uxía e o son da pandeireta de Sonia Lebedinski.

Coa súa música mullerenaxearon ás Marías após a ofrenda con flores lilas e vermellas que portaban @s alí presentes. Encarna Otero, quen traballou na recuperación da memoria de Coralia e Maruxa; a parlamentar do BNG Ana Pontón ou o voceiro da formación frontista en Compostela, Rubén Cela, eran algunhas das facianas coñecidas. Para alén de as recordaren, o tecido feminista reclama a colocación dunha placa que que as despoxe dunha vez da etiqueta de tolas e conte a súa historia verdadeira.