100 anos de Xosé Velo e o seu “¡Morra España! ¡Viva Hespaña!”

100 anos de Xosé Velo e o seu “¡Morra España! ¡Viva Hespaña!”
Xosé Velo [Comisión Centenario Xosé Velo]
Xosé Velo [Comisión Centenario Xosé Velo]  

O 21 de abril de 1916 nacía en Celanova Xosé Velo Mosquera, o líder do DRIL que asaltou o Santa María para denunciar as dictaduras ibéricas. E a comisión do seu Centenario celébrao publicando o único libro que saíu do prelo da súa editora Nós, dentro da colección Galicia Ceibe. 


Logo do secuestro do Santa María, Xosé Velo exíliase no Brasil en 1962 e un par de anos despois monta unha libraría en Sao Paulo chamada Nós na compaña do seu socio Bartolomé González Llorente (futuro alcalde de Móstoles entre 1979 e 1991).  

En 1966 creará unha editora co mesmo nome que editará un só libro dentro dunha colección chamada Galicia ceibe: unha antoloxía de Rosalía de Castro traducida ao portugués por Eclea Bosi. Sen embargo, non puido publicar o limiar que el mesmo escribira por presións do cónsul franquista de Sao Paulo sobre a tradutora. 

Coincidindo con esta efeméride, a comisión organizadora do Centenario de Xosé Velo publica na súa web en formato pdf esta antoloxía engadíndolle o limiar censurado, que se titula “A lingua galega e a inaugurazón de Hespaña”, no que debulla os seus principios ideolóxicos avogando por unha confederación de nacións ibéricas na que contrapón a España fascista á Hespaña (con hache) confederal. 

“Morra España! Viva Hespaña!”

Comeza dedicándolle o texto a Prisciliano, Roi Xordo, Xelmírez, Pardo de Cela, Rosalía Lamas e aos fusilados e exiliados da Guerra Civil. E continúa explicando o obxectivo da editora: “pretende editar no Brasil cuanto de mellor se ten producido e veña a producirse en lingua galega”. 

No texto reclama a “necesidade de crear unha Hespaña con 'H'. Achamos que Portugal presentado por Galicia non tería dúbidas nin motivo para dubidar, pois non serían máis posibeis as ciladas imperiais”. E remata o limitar con un “Morra España! Viva Hespaña! Hespañoles: Vamos inventar Hespaña!”. Ese sería o título dun ensaio posterior onde plasmou todas as súas inquedanzas políticas nas que seguía apostando polo iberismo como solución aos problemas da Península. 

No texto tamén lle dedica reflexións á lingua, e avoga por “preparar as condizóns para a unidade lingüística galaico-portuguesa na base do galaico-portugués falado e escrito no Brasil”, ademais de “intentar por todolos medios posibeis a obrigatoriedade do ensino na nosa lingua na nosa terra. Isto por vergoña e por xustiza". 

Centenario Velo

Desde a Comisión Pro Centenario Xosé Velo, da que forman parte Francisco Macías, de Edicións Positivas, Margarita Ledo ou Aser Álvarez, entre outros, consideran que Velo é “un dos persoeiros galegos máis interesantes e descoñecidos do século pasado. A súa obra está inédita e a súa figura ficou case totalmente eclipsada polo secuestro do Santa María”, segundo se afirma na web do centenario. 

E máis alá da súa actividade no DRIL, Velo escribiu poesía e ensaio, colaborou co exilio e coas asociacións galegas tanto en Venezuela como no Brasil. Un dos obxectivos da Comisión é publicar toda a súa obra inédita. Edicións Positivas, que dirixe Macías, publicará as súas obras completas por xéneros: poesía, ensaios e unha biografía ampliada.  Ademais, realizarase un documental, que dirixirá Aser Álvarez, e iranse publicando na web os achados que foi atopando ao longo de meses de traballo a Comisión.