REMATOU COS MÁRTIRES DE CARRAL

Os 171 anos da nosa Revolución de Abril

Os 171 anos da nosa Revolución de Abril
[Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral
[Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral  

O 2 de abril de 1846 encetaba o levantamento militar que puxo Galiza no epicentro do Estado español. Foi a nosa Revolución de Abril. Unha insurrección que cuestionou o Goberno do xeneral conservador Narváez e que recobrou a unidade territorial da nosa nación.


Galiza tamén tivo a súa Revolución de Abril, que precisamente encetou un día como hoxe, un 2 de abril. Corría o ano 1846 e o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, ao mando do comandante Solís, con sede na Coruña, se levantaba na cidade de Lugo contra o Goberno ditatorial que instaurara en Madrid o xeneral conservador Narváez.

Durante os días seguintes foron sumándose as cidades de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui. A Coruña, pola súa banda, era o principal apoio para o Goberno.

A seguinte data de referencia foi o 15 de abril, día en que se constituíu a Xunta Superior do Goberno de Galiza. Pío Rodríguez Terrazo ocupou a Presidencia, e Antón Faraldo, a Secretaría. Foi este último o autor quen dirixiu o xornal A Revolución e quen escribiu o manifesto da Xunta Superior da Galiza, onde se expresaba que “a espada de Galiza faga inclinar unha soa vez a balanza en que se pesan os destinos de España”.

Foron tamén constituídas as Xuntas Revolucionarias en todas as cidades en que se produciran pronunciamentos e tamén se crearon xuntas locais en diferentes vilas do país.

Nos seguintes días tiveron lugar os enfrontamentos. A batalla de Cacheiras, unha das máis lembradas, rematou co repregamento das forzas rebeldes en Santiago, case xa sen munición. A cidade convertíase no campo dunha dura batalla en que os revolucionarios trataban de resistir mentres esperaban os reforzos de Rubín. Acabaron por se estabeleceren en San Martiño Pinario, onde remataron presos, agás os que conseguiron fuxir cara a Padrón.

O 25 de abril de 1846 os prisioneiros foron conducidos cara á Coruña. Villalonga, capitán xeneral da Coruña, decretou consello de guerra sumarísimo que rematou cos fusilamentos de Carral do día 26 de abril. Os principais dirixentes políticos fuxiron cara ao exilio en Portugal. Lugo mantívose en pé até o día 27.

A revolución provincialista recuperaba a unidade administrativa que fora furtada coa reforma centralista de 1833

Unha revolución tamén social

Os problemas económicos e sociais que soportaba Galiza foron obxecto de preocupación por parte dos revolucionarios, que derrogaron os aranceis xudiciais de 1845 e que lastraban as galegas e galegos; reformouse o plan de estudo, así como o dos pasaportes; suprimiuse o sistema tributario e adoptáronse outro tipo de medidas como a substitución dos concellos estabelecidos no 1846 polos de 1843. A revolución provincialista recuperaba a unidade administrativa que fora furtada coa reforma centralista de 1833.

A importancia da nosa Revolución de Abril ten a ver co feito de recobrar Galiza a súa unidade territorial, após perdela coa Constitución de 1833, e co cuestionamento do Goberno de Narváez.

[No Sermos Galiza 191 publicamos un A FONDO sobre esta revolución. Está dispoñíbel na loxa]