ANÁLISE

23F, aquel Golpe de Estado que triunfou

23F, aquel Golpe de Estado que triunfou
Tejero, na tribuna.
Tejero, na tribuna.  

Eis unha análise do 23F desde unha perspectiva galega. Achegamos tamén a listaxe das persoas galegas que estaban no albo dos golpistas para seren represaliados.


Trixésimo quinto aniversario do Golpe de Estado do 23 de Febreiro de 1981. Máis unha vez volverán a aproveitar a efeméride, para apuntalar a versión oficial. Aquela que nos fala do valor de Suárez e de Gutiérrez Mellado, a que retrata unha poboación atemorizada pegada ao transistor na espera de información, a da lembranza dos Deputados secuestrados por Tejero nas Cortes, a mesma que sitúa a Xoán Carlos de Borbón como grande salvador que coa súa actuación modélica impediu a involución reaccionaria. Porén as repetidas achegas aos sucesos de febreiro de 1981 e abondosa bibliografía que foi aparecendo ao longo destas catro décadas, non fai máis que abondar nas sombras e agochar aspectos centrais como o papel reitor da coroa, os movementos do poder económico, o xogo da embaixada americana e do campo atlantista, o labor extrema dereita que viña actuando de acordo cos servizos secretos e a “Rede Gladio”, ou as listas negras que apareceron posteriormente.

A opinión maioritaria no campo do nacionalismo era que se trataba unha operación dirixida desde o aparato do Estado para blindar a reforma política

Houbo máis que transistores na noite do 23 de Febreiro de 1981. Se ben a opinión maioritaria no campo do nacionalismo era que se trataba unha operación dirixida desde o aparato do Estado para blindar a reforma política, isto non quitou para que se tomaran as precaucións debidas a fin de evitar situacións irremediábeis que se puideran dar aproveitando a confusión dos primeiros momentos ou no caso de que a operación en marcha tivese outro rumbo. Así procedeuse á limpeza dos arquivos e dos censos de afiliación das maiorías de organizacións, o que co tempo significará unha grande pexa para o estudo do nacionalismo naquel momento histórico, houbo militantes que nesa xornada se agocharon en casas seguros e mesmo outros que se deslocaron a Portugal e tamén nalgunhas localidades costeiras como Fene, Muros ou Cangas preparáronse embarcacións para facilitar unha fuxida por mar. Importante destaque van ter nas primeiras horas do golpe a militancia das organizacións de extrema dereita, que nalgunhas localidades poñeranse á disposición das forzas de seguridade e noutras tentan actuar pola súa conta, coma en Santiago de Compostela onde decidiran o asalto ao local do xornal A Nosa Terra, acción que paralizan após a intervención televisiva do Borbón.

Había galegas e galegos que estaban sinaladas para morrer a partir do 23 de Febreiro de 1981

Había galegas e galegos que estaban sinaladas para morrer a partir do 23 de Febreiro de 1981. Coincidindo co décimo aniversario do Golpe de Estado, o xornalista afeizoado á historia Carlos Fernández Santander deu a coñecer nas páxinas de La Voz de Galicia unha lista de medio milleiro de persoas, sinaladas, por unha parte dos golpistas, para ser represaliadas no caso de que a intentona, na súa versión máis extrema, fora diante. Dirixentes políticos como Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xesús Veiga, Mario López Rico, Francisco Vázquez ou Geluco Guerreiro. Intelectuais como Manuel María, Méndez Ferrín, Pilar García Negro, Lois Diéguez, María Xosé Queizán, Manolo Rivas, ou Acisclo Manzano. Sindicalistas como Lois Ríos, Moncho Valcárcel, Carme López Teixeiro, Helena Veiguela, Xesús Díaz, Amor Deus, ou Pepa Baamonde. Cargos institucionais como Pilar Allegue, Domingos Merino, Cuqui Fraguela, Manuel Soto, Rafael Mouzo, Ramón Noceda ou Xavier Abalo. E mesmo vellos superviventes de 1936 como Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo ou Darío Álvarez Blázquez.

Rematou por imporse, o que deu en coñecerse como “ o golpe á francesa”, pola súa similitude coa “operación De Gaulle” e que estaba vinculado á Coroa e aos sectores atlantistas

Foron varios os golpes que converxeron o 23 de febreiro de 1981. Se ben partillaban os obxectivos centrais, isto é lexitimar e fechar o proceso de reforma política iniciada após a morte de Franco, paralizar o proceso autonómico e abrir a vía para a involución no feito territorial e excluír do taboleiro de xogo ás forzas nacionalistas que defendían en solitario a ruptura, diverxían na metodoloxía e nos procedementos a aplicar. Así rematou por imporse, o que deu en coñecerse como “ o golpe á francesa”, pola súa similitude coa “operación De Gaulle” e que estaba vinculado á Coroa e aos sectores atlantistas, en detrimento do “golpe á grega”, pilotado por Tejero e os membros do bunker, e o “golpe á chilena” que tiña a Miláns del Bosch e a algúns militares de alta graduación como representantes senlleiros. Ao pouco, non ficou dúbida que aquel golpe tiña triunfado, como xa se percibiu nos días seguintes cando o nacionalismo galego foi excluído das manifestacións de resposta, e que continuou coa entrada express na OTAN, coa aprobación da LOAPA ou a vulneración das máis elementais dereitos do que foi un exemplo a expulsión dos deputados do Bloque-PSG do Parlamento Galego.



x