1968-2018: 5 DÉCADAS DE REIVINDICACIÓN NACIONAL

50 anos do Día da Patria Galega

50 anos do Día da Patria Galega
A faixa pendurada na Alameda o Día da Patria Galega 1968
A faixa pendurada na Alameda o Día da Patria Galega 1968  

O 25 de xullo de 1968 marca o punto de inicio da celebración do Día da Patria Galega na súa denominación, formulación e orientación actual. A Unión do Povo Galego (UPG) acorda convocar ese ano unha mobilización na capital de Galiza, chamando a unha concentración nacional ás doce da mañá na praza do Obradoiro, en defensa dos nosos dereitos nacionais. Eis un extracto da información publicada no número 305 de Sermos Galiza.


1A iniciativa da UPG sumará o apoio das xentes de Galicia Socialista e de dirixentes e activistas do movemento estudantil, próximos á Frente de Liberación Popular, ao PC(M-L) e ao Partido Socialista de Interior, moitos dos cales non tardarán en unirse ao nacionalismo. Algúns deste grupos, en colaboración coa UPG, distribuirán un panfleto na zona de Vigo asinado como “Liga Democrática Galega” no que animaban a acudir a Compostela, elaborando outro texto na mesma dirección a Asociación Democrática de Estudantes, organización maioritaria entre o estudantado compostelán.

O nacionalismo viña celebrando o 25 de xullo como xornada de reivindicación nacional desde 1920, após unha decisión nese sentido da II Asemblea das Irmandades da Fala, pero non pasará a denominarse como Día da Patria Galega até 1968. Segundo escribiu o autor da proposta e criador da nova denominación, Bautista Álvarez, as razóns que pesaron á hora de fixar esta designación foi a fidelidade coa denominación empregada polas Irmandades da Fala para a primeira convocatoria e a influencia doutros movementos de liberación nacional, nomeadamente o vasco, que celebraba o Aberri Eguna.

Coa escolla tentábase ligar o novo nacionalismo reorganizado a comezos da década dos sesenta e o proxecto do vello Partido Galeguista, abandonado na súa orientación práctica e teórica polo piñeirismo, afirmando, ao tempo, a lealdade co pensamento e coa loita de Castelao, do que a UPG se consideraba continuadora.

[Podes ler a información íntegra no número 305 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]