A REPRESIÓN EN PEREIRO DE AGUIAR

80 anos do asasinato do militante nacionalista Manuel Pérez Losada

80 anos do asasinato do militante nacionalista Manuel Pérez Losada
Mitín de propaganda nacionalista n´O Pereiro de Aguiar, en Maio 1931. Foto: Arquivo de Ben-Cho-Shey.
Mitín de propaganda nacionalista n´O Pereiro de Aguiar, en Maio 1931. Foto: Arquivo de Ben-Cho-Shey.  

Esta por facer a crónica do nacionalismo galego naquel Pereiro de Aguiar que fixo república. A organización da sección local do Partido Nacionalista Republicano de Ourense en Santa Cristina de Vilariño, a constitución das agrupacións do Partido Galeguista en Cobas e Triós, o maxisterio de Ben-Cho-Shey e Manuel Luís Acuña e tamén os asasinatos viles de Antonio Dopazo e  Xoán Blanco Martínez.


Un máis, pero non un calquera, no Pereiro de Aguiar nacionalista. Manuel Pérez Losada, un labrego nado en 1898 en Santa Cristina de Vilariño, militante da sección da súa parroquia do Partido Nacionalista Republicano de Ourense que, en Maio de 1931, organiza un mitin de propaganda electoral de cara ás eleccións de xuño, coa presenza de Leuter González Salgado, Arturo López Trasancos e Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben Cho Sey, militante de primeira hora do Partido Galeguista. O PNRO participaría no congreso fundacional do Partido Galeguista, que tivo lugar en Pontevedra en decembro de 1931.

Así, en Febreiro de 1934, Manuel Pérez Losada aparece xa como vocal nunha directiva do PG presidida por Antonio Cerdeiro e da que formaban parte tamén Gaspar Ramos como vicepresidente, Claudino Díaz como secretario, Rosendo Pérez como vicesecretario, Alfredo López como tesoureiro e Castor Pérez, Andrés Blanco e Antonio e Ramón Fernández como vocais. No mes de Abril de 1936, renóvase a directiva, Manuel Pérez Losada volve ser elixido como vocal, nun consello local do que eran membros Antón Iglesias, Xosé Valcárcel, Manuel Fernández, Xosé Núñez, Alfredo López, Manuel Cebreiros, Casto Molinas, Enrique Lorenzo e Bernardino Castro.

As pegadas da súa traxectoria vital e política están presentes nas grandes loitas sociais da comarca. Dirixente da Sociedade Agraria de Santa Cristina de Vilariño, de longa tradición reivindicativa e na altura de dirección nacionalista, é detido en Outubro de 1934 pola súa participación activa nos sucesos revolucionarios daquelas datas onde a entidade agraria vai xogar un papel de destaque. Así entre o 6 e 7 de Outubro de 1934 membros da organización forman piquetes para intentar impedir a chegada de alimentos á cidade de Ourense, realizan accións de sabotaxe con barricadas na estrada de Ponferrada e perpetran a voladura de varios postes de telégrafos, o que provocará a detención de varios dos seus membros, algúns deles militantes nacionalistas, como Antonio Cerdeiro, Gaspar Ramos ou os irmáns Nespereira. A propia A Nosa Terra no seu número  do 20 de Abril de 1935 dá conta da represión que sufría o grupo nacionalista de Vilariño, que mesmo foi motivo de debate na IV Asemblea Nacional do Partido Galeguista, indicando que “esta sendo obxecto de persecución e detivéronse a varios afiliados ao grupo sen outro motivo que a xenreira dos inimigos e dos caciques. Peña Rey dá conta das xestións feitas no Goberno Civil de Ourense e a asemblea acorda mostrar a súa simpatía cos irmáns de Vilariño”.

A represión sufrida polo grupo nacionalista de Vilariño foi motivo de debate na IV Asemblea Nacional do Partido Galeguista

E apareceu asasinado o 9 de decembro de 1938 no camiño de Calvelle-O Pereiro de Aguiar. A represión ao nacionalismo en Santa Cristina de Vilariño e noutros núcleos do Concello do Pereiro de Aguiar vai ser proporcional a súa influencia social, até o punto de que varios cadros dirixentes da agrupación local serán vítimas da persecución como o seu presidente Antón Iglesias, o seu tesoureiro Alfredo López ou os irmáns Nespereira. Máis dous, Antonio Dopazo e  Xoán Blanco Martínez, serán asasinados naqueles meses que seguiron ao golpe de estado franquista após permaneceren agochados nunha vivenda perto da escola de Loñoa. Antonio Dopazo, encarcerado na prisión de Celanova, onde recibe a noticia o 4 de Agosto da súa destitución como mestre, será asasinado o 14 de Setembro de 1936; o seu corpo é tirado ao río Miño desde a Ponte de Codesal e posteriormente recuperado río abaixo pola familia. Xoán Blanco Martínez foi baleado o 27 de xullo de 1936, perto da casa onde estaba escondido, rexistrándose o cadáver no Outeiro de Arcos na parroquia de Santa Marta de Moreiras.
 



x