A CRMH reitera a exixencia da devolución do Pazo de Meirás ao pobo

A CRMH reitera a exixencia da devolución do Pazo de Meirás ao pobo
A CRMH no Pazo de Meirás
A CRMH no Pazo de Meirás  SG
A Comisión pola Recuperación da Memória Histórica da Coruña lembra que 37 anos após da morte de Franco non hai resposta por parte do Estado español diante dos crimes cometidos polo franquismo. Exíxelle que recupere o Pazo de Meirás para o goce da poboación.

"Van 37 anos que morreu o ditador, e aínda quedan vixentes determinados exemplos do seu poder". A Comisión pola Recuperación da Memória Histórica da Coruña (CRMH) exixe o cumprimento da Lei da Memoria Histórica na súa totalidade e a devolución do Pazo de Meirás, agora en mans dos descendentes do ditador, para o seu aproveitamento social. Para esta entidade o Partido Popular aínda non superou o franquismo. "Neste 37º aniversario da morte de Franco, teñen unha fermosísima ocasión de demostrar dunha vez que isto é unha verdadeira democracia, non vencellada e debedora da ditadura franquista". 

O Pazo de Meirás, cre a CRMH, foi "roubado" pola familia Franco e "aínda están a gozar del gratis os seus descendentes". A entidade coruñesa puxo enriba da mesa hai un tempo esta reclamación e agora reitera que "xa que o ditador morreu, debe de ser o estado español mediante as suás institucións quen debe de recuperar o Pazo de Meirás para o disfrute da poboación".

O Pazo de Meirás, para a CRMH, foi "roubado" pola familia Franco e "aínda están a gozar del gratis os seus descendentes"

"Acomplexadas medidas do PP"

A crítica da CRMH céntrase nas "acomplexadas medidas do PP" e na "falla de resposta por parte do Estado español diante dos crimes cometidos polo franquismo". Esta entidade opina que o interese do actual goberno non pasa por recuperar a dignidade das vítimas e as súas familias posto que "son os mesmos que manteñen, xustifican e toleran a unha caste de privilexiados no papel de máximos dirixentes do estado español, unha familia real e unha monarquía cada vez máis impopular polos innumerabeis desmáns que nos últimos anos están a facer".