A execución dos Prada

A execución dos Prada
De esquerda a dereita de arriba a baixo: Guillerme Morán, Mario Morán, Evaristo González "Roces", Arcadio Ríos e Abelardo Macías.
De esquerda a dereita de arriba a baixo: Guillerme Morán, Mario Morán, Evaristo González "Roces", Arcadio Ríos e Abelardo Macías.  

Hai setenta anos, falamos do 13 de setembro de 1949, un grupo de gardas civís, que desprazaban detidos a varios enlaces da guerrilla da zona de Chavaga, aplicáronlle a lei de fugas a dous vellos colaboradores da II Agrupación. O seu asasinato exemplifica o carácter da represión franquista e a metodoloxía empregada para rematar coa resistencia ao fascismo.


Foi unha replica da batalla de Chavaga. A caída de Chavaga, en abril de 1949, veu precedida de dous importantes operativos represivos contra os membros destas unidades antifranquistas, provocando un importante número de vítimas nas filas antifascistas. O 24 de febreiro un grupo de sete guerrilleiros dislocouse á localidade estremeira de Ocero para manter unha cita cun enlace co fin de levar adiante un golpe económico.Nesta acción perden a vida  Afonso Rodríguez e Henrique Orozco, ficando feridos Francisco Martínez “O Quico” e Henrique Oviedo “O Chapa”.

Aínda non pasara un mes  e tamén como resultado dunha infiltración, son cercados outro grupo de guerrilleiros o 17 de marzo de 1949  no lugar de Vilasinde, no concello da Veiga de Valcarce, iniciándose un combate  cun operativo da contrapartida que finalizará coa morte de Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso “Maruxa”, conseguindo fuxir Oliveros Fernández Armada “Negrín” e Victorino Nieto Rodríguez.

A batalla de Chavaga

O 20 de abril de 1949 efectivos da Guarda Civil das comandancias de Monforte de Lemos e Ponferrada preséntanse no lugar de Chavaga e do Repil coñecedores da presenza alí de voluntarios da II Agrupación. O combate rematará horas máis tarde coa morte do histórico dirixente Guillerme Morán García, de  Evaristo González “O Roces”, Xulián Acebo Alberca “O Gardiña”, Gregorio Colmenero Fernández “ O Porreto” e dos irmáns Ramón e María López Casanova.

A acción dos confidentes e infiltrados resultou decisiva para rematar coa II Agrupación.

O operativo represivo desenvolvido nas terras de Lemos polas forzas da orde foi resultado dunha infiltración. Segundo documentou Santiago Macías o factor chave neste operativo foi a información fornecida ao comandante Arricivita, máximo responsábel da loita contra o maquis na zona, por Xesús Costoia, parente dunha familia que acollía fuxidos, e que actuou como confidente das contrapartidas durante varios anos a cambio de diñeiro.

O asasinato de Emilio Prada Rodríguez e Xulio Prada Fernández

A represión que seguiu á  caída de Chavaga afectou a ducias de persoas na comarca de Lemos. Abonda con lembrar a detención e encarceramento de Luísa e Oliva López Centeno, compañeiras de Guillerme Morán e Evaristo González, Fé Coutado Maseda, Xosefina Martínez Biel,  ou as irmás Ofelia e Liberdade Amaro López, parellas de Xulián Acebo e Fermín Gutiérrez “Segura”. Só o testemuño de Xesús Costoia, casado cunha irmá das Amaro López, levou a cadea a cinco cuñados e a súa sogra, que pasaría catro anos presa.

O 13 de setembro de 1949, no marco deste operativo represivo, cinco efectivos da Guarda Civil aplicábanlle a lei de fugas a Emilio Prada Rodríguez e Xulio Prada Fernández. Segundo sinalou o mando á fronte do dispositivo, mentres desprazaban a catro detidos desde Chavaga a Monforte, déronse a fuga nun punto situado entre os lugares de Barxa de Lor e Salceda, deixando alí mortos a dous enlaces da guerrilla e conseguindo fuxir Filipe Vázquez e o propia Xesús Costoia, que non tardaría en establecerse en Ponferrada protexido polo aparato do estado.

Xesús Costoia, un confidente a nómina do Estado

As indagacións levadas a cabo en 1957, con motivo dunha orde de busca e captura contra Costoia, permitiron aclarar os termos da execución de Emilio e Xulio Prada. As declaracións de Costoia no xulgado de Lugo deixaron claro que a súa fuga e máis a de Filipe fora acordada previamente coa Guarda Civil, sendo coñecedor de que esta tiña previsto aplicarlle a lei de fugas a Emilio e Xulio Prada.

A instrución aberta en Lugo é clarificadora dos procedementos empregados para derrotar a resistencia democrática. Así, nunha certificación achegada á causa polo xefe da comandancia da Guarda Civil de Lugo en relación coa conduta de Costoia, afirmase que “ grazas as súas confidencias logrouse localiza e exterminar a partida de Evaristo González  “O Roces”, por cuxo servizo foi gratificado cunha importante cantidade en metálico pola Dirección Xeral do Corpo, conseguíndose como  consecuencia da mencionada colaboración descubrir unha numerosa rede de enlaces e cómplices”.