A Mariña lembra as vítimas do fascismo

A Mariña lembra as vítimas do fascismo
Os guerrilleiros que fuxiron a bordo do Santa Teresa en 1946, descansando xa en Baiona.
Os guerrilleiros que fuxiron a bordo do Santa Teresa en 1946, descansando xa en Baiona.  

Na madrugada entre o 12 e o 13 de decembro de 1946, o Santa Teresa sae da praia da Abrela, no Vicedo, cun grupo de combatentes antifascistas de Ferrol e Viveiro a bordo. Avaríanse as caldeiras, o carbón é de mala calidade e o tempo non axuda. Despois dunha semana, conseguen aportar en Baiona. Esta arriscada fuga que case non chega a porto é lembrada por Antonio Paleo Saavedra, “Toñito de Maxina”, nunha carta.


Este mariñeiro, que morreu na localidade francesa de Hericourt, e militou no Partido Comunista Francés até a fin dos seus días, creara a UXT en Cervo, repartira a propaganda do Partido Comunista desde Ovieu, e despois encargárase de descargar armas nalgúns portos estratéxicos para a resistencia contra o fascismo. Estivo refuxiado en Vigo, cun nome falso, botouse ao monte, e foi preso no castelo de San Felipe, en Ferrol. Cando constata o triunfo do fascismo, foxe a Francia, xunto con outras 20 persoas, alén de tres tripulantes, polo terreo que mellor coñece: o mar. O relato do Santa Teresa é “o gran de area” que quixo achegar “para recuperar a memoria histórica dunha etapa histórica manipulada no pasado e esquecida hoxe”. A súa carta foi escrita hai dez anos para a veciñanza de Cervo.

Neste Día da Galiza Mártir, a Mariña lémbraos a eles e a outras sesenta persoas que foron represaliadas por defenderen o sistema democrático da República durante a ditadura fascista: foron expedientadas, sentenzadas a cadea perpetua, viviron o exilio, a prisión, ou o campo de concentración, foron executadas con xuízo, “paseadas”, ou morreron en combate. A represión foi especialmente dura nunha zona combativa coma a Mariña: a xente que traballaba no mar estaba organizada e preparada para dar resposta (un cento de persoas estaban afiliadas ao sindicato de industrias pesqueiras, vinculado á CNT).

A súa lembranza volve agora ao Concello de Cervo: o acto desta sexta, que organiza o BNG, terá lugar na praza do lugar de San Cibrao, onde viviu o alcalde republicano Benito Colín Veiga até que foi fusilado. Alí será descuberta unha placa conmemorativa de bronce, que foi feita coas achegas económicas [email protected] veciñ@s. Até agora estivera na parede doutra casa da mesma praza, pertencente a Maruja Trelles (descendente de Francisco Trelles, membro do Batallón 219 “Galicia”, falecido en combate), pero ao mudar a casa de [email protected], trasladouse a outra: a da familia de Antonio Abad Gómez, que fora xulgado por rebelión militar, e condenado a cadea perpetua. A placa xa se fixera no 2002, mais foi destruída na mesma noite en que se colocou.

O portavoz municipal do BNG, Xoán Antón Estúa, insta á corporación a teren en conta os nomes [email protected] veciñ@s que viviron a represión para nomear as rúas e prazas, algo que levan reclamando desde a primeira das homenaxes, no 2002, pero que polo de agora non se acadou. Estúa conta que este tipo de actos "unen a moitísima xente, que ven a historia da súa familia recoñecida", e a veciñanza está agradecida, mais aínda non callou a proposta para o nomenclátor no goberno municipal.

Ás oito e media da tarde, terá lugar unha mesa redonda entre o xornalista Javier Rivera Ponte e Roberto Pérez Vila, descendente do mestre da parroquia de Rúa, Julián Pérez Palacios, que foi capturado en Xixón cando tentaba exiliarse a Francia. Foi condenado a cadena perpetua, e cumpriu catro anos de prisión, mais foi inhabilitado para a docencia. Será unha xornada “para lembrarmos a quen a historia esqueceu” e evitarmos que a súa memoria se perda, para faceren colectivo o sentir de cada unha destas familias.



x