A outra marcha de Xove

A outra marcha de Xove
Mural da AN-PG contra o proxecto de central nuclear en Xove. Imaxe: cedida.
Mural da AN-PG contra o proxecto de central nuclear en Xove. Imaxe: cedida.  

Hai corenta anos, o 20 de maio de 1979, milleiros de persoas convocadas pola Asemblea Nacional-Popular Galega marcharon sobre Xove para amosar o seu rexeitamento ao proxecto da central nuclear. A mobilización, apoiada polo conxunto do movemento nacional popular galego, representou un golpe decisivo ao proxecto de Fenosa.
 


No mes de novembro de 1973, un consorcio conformado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fai pública a súa decisión de instalar na Regodela (Xove) unha centra nuclear. O proxecto, asociado a un investimento de 68.000 millóns de pesetas da época, tentaba poñer en marcha catro reactores que ían producir 3.600 megavatios, nun momento que Galiza destinaba o 60% da súa produción enerxética á exportación. As razóns que desaconsellaban a posta en marcha da central nuclear eran de diversa índole, destacando as de carácter ambiental, vinculadas aos problemas deste tipo de enerxía, as de seguridade, o emprazamento da planta situase enriba dunha falla, e as económicas, na medida en que se apostaba por un modelo de desenvolvemento de enclave e propio das realidades coloniais.

A oposición do nacionalismo ao proxecto non tardou en facerse patente. O propio mes de novembro de 1973, o Clube Cultural Valle Inclán, na altura orientado por cadros da UPG como Lois Diéguez ou Carlos Varela, organiza un mesa redonda en Lugo coa presenza de Xosé Manuel Beiras. O labor das asociacións culturais sería determinante no proceso de sensibilización e clarificación social sobre esta problemática ao longo e ancho do país, destacando dentro destas Sementeira de Viveiro, que desenvolverá unha actividade permanente contra este proxecto. Ao tempo, os militantes nacionalistas presentes na zona desenvolven un intensa campaña de axitación diante dos sectores directamente afectados, organizando, coas dificultades que impoñía a clandestinidade, centos de xuntanzas e asembleas en distintas parroquias e lugares da contorna de Xove, a fin de clarificar á poboación e tamén levando adiante accións de sabotaxe, protestas e enfrontamentos, destacando o vivido en Vilachá, onde os mulleres da parroquia remataron por paralizar os traballos durante catro días no marco dun duro enfrontamento coa Garda Civil.

O 10 de Abril de 1977, 8000 persoas convocadas polas Comisións Labregas recorreron os 13 quilómetros que separan a Viveiro de Xove para opoñerse á construción da central nuclear. Á altura de xaneiro o nacionalismo xa tentara convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición á mesma e de socializar o conflito a nivel nacional, porén a mobilización foi prohibida. A fin de sortear os impedimentos gobernativos, acordase entón organizar unha marcha polo beira da estrada, marcha que non contou cos permisos legais pero que tampouco foi reprimida e que remaría despois de tres horas en Lago(Xove). Alí no adro da parroquia tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove, Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove, Emilio López Pérez, Milucho, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolle a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario dese partido.

As circunstancias políticas nas que se desenrolou esta segunda marcha sobre Xove eran totalmente diferentes ás de 1977. A mesma desenvolveuse coincidindo cun debate no conxunto do Estado, impulsado sen ningunha dúbida polas protestas de vascos e galegos, sobre a conveniencia da enerxía nuclear e que tiña levado semanas antes o tema ás propias cortes xerais. Mentres UCD e AP, as forzas da dereita, mostraban o seu apoio ás posibilidades das nucleares, PSOE e PC non cuestionaban as súas bondades pero esixían a súa moratoria á espera de que a súa instalación fose máis segura. Nese contexto, o 13 de maio de 1979, CCOO e UXT convocan unha mobilización na Mariña, que os propios organizadores valoraron como un fracaso dado o escaso apoio popular, esixindo unha moratoria de 20 anos para este proxecto. Será nese momento canda o nacionalismo acorde lanzar a  súa segunda marcha sobre Xove opoñéndose á alternativa da moratoria e esixindo a  definitiva cancelación da proposta de construción da central nuclear.

O 20 de maio de 1979, 8000 persoas, convocadas, nesta ocasión, pola Asemblea Nacional-Popular Galega, camiñan durante dúas horas, baixa unha intensa choiva, desde Viveiro até Xove para expresar o seu rexeitamento a central nuclear. A diferenza da convocatoria de 1977 o groso dos manifestantes eran veciños da comarca, “camiñando”, segundo recollía o Terra e Tempo, “pola banda  esquerda da estrada en ringleiras de a dous a marcha estendíase ao longo de varios quilómetros”. A manifestación remataría na praia do Esteiro, onde tomaron a palabra Lois Diéguez, portavoz da organización convocante, Bautista Álvarez, presidente da UPG que coa AN-PG conformaban o Bloque Nacional-Popular Galego, Francisco García Montes, secretario xeral da ING, Bernardo Requeixo, secretario das Comisións Labregas, Néstor Rego, representante de ERGA, Bieito Iglesias, secretario xeral da UMG, e un portavoz do Comité Antinuclear Vasco.

A marcha de Xove rematou cun auténtico éxito. A participación na convocatoria superou de longo as expectativas que se tiñan marcado as organizacións do movemento nacional popular galego, entidades organizadoras da marcha e que desde 1973 viñan impulsando á oposición á central nuclear. Os temores expresados nos días previos á protesta en diversos medios de prensa polos dirixentes da AN-PG, dadas as condicións metereolóxicas previstas para a data convida así como a folga do transporte en Pontevedra que tiña centrado o labor dos militantes nacionalistas na zona, ficaron despexadas na propia xornada. A resposta popular evidenciou a existencia dun estado de opinión decidido a prol da anulación do proxecto, fronte á táctica da moratoria defendida pola españolismo de esquerda, mostrándose decisiva para a paralización definitiva do proxecto da central nuclear, acordada finalmente en 1982.