A revolta de Cervo de 1892

A revolta de Cervo de 1892
[Imaxe: SG] Antigas fábricas de Sargadelos nas décadas finais do século XIX.
[Imaxe: SG] Antigas fábricas de Sargadelos nas décadas finais do século XIX.  

O 23 de agosto de 1892 a veciñanza de Cervo revólvese contra a concesión da xestión do cobro do imposto de consumos que implicaba unha suba significativa na contía do mesmo. O conflito, que rematará coa morte dalgún veciño e varios feridos, enmárcase na vaga de protestas no conxunto das comarcas galegas ao longo dese ano, nun contexto de fonda crise económica, debilidade do réxime e de grande axitación dos cadros socialistas e republicanos.


A Mariña non ficara á marxe da onda de protestas que vivirá Galiza nos anos iniciais da década dos noventa do século XIX. Segundo investigou o historiador mariñao Xoán Ramón Fernández Pacios, entre xullo de 1891 e agosto de 1892, sucedéronse revoltas en Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Barreiros, Viveiro e Cervo, actuando como mecha a suba dos consumos, no marco dunha economía afogada polas dinámicas propias e xerais.

Se entre as primeiras debemos sinalar a caída das capturas pesqueiras, que viña sendo obxecto de protestas desde mediados da década pasada e o feche da factoría de Sargadelos, entre as segundas destacaríamos a ruína do complexo agrario galego, a un tempo golpeada pola suba do prezo do millo, como consecuencia das medidas de apoio ao trigo castelán, pola filoxera, que rematou co viño en moitas áreas do país, e polo cambio de orientación do mercado gandeiro cara ao ámbito peninsular, tras a perda definitiva do mercado británico. A combinatoria deses dous factores provocaría unha caída da renda que non facía asumíbel ningunha carga fiscal.

O imposto de consumo

O 23 de agosto de 1892 a veciñanza de Cervo reacciona diante dunha anunciada suba do imposto de consumos. O imposto de consumos era un tributo indirecto tan ao gusto dos liberais daquela e de hoxe, criado pola lei de reforma tributaria de Mon-Santillán, vixente no Estado español entre 1845 e 1911, suspendido durante un breve período polo goberno da I República e que mereceu a contestación permanente da poboación galega.

Á marxe da súa natureza inxusta, ao carecer de ningún tipo de progresividade, do alto grao de ineficacia na súa xestión e das corruptelas provocadas na súa imposición, o eixo fundamental da súa reprobación social derivouse de gravar os bens de primeira necesidade, como se afirmaba na norma “de comer, de beber, de arder”, provocando unha alza nos prezos que favorecía a carestía da vida e aumentaba o problema das subsistencias. O gravame, obxecto ao tempo dun importante debate doutrinal entre os diferentes actores da política do momento, particularmente entre as diversas correntes do liberalismo, será suprimido por unha modificación lexislativa que deu paso a unha nova norma que comezou a gravar as rendas urbanas.

O malestar xa era evidente a comezos de agosto. El Eco de Vivero, nunha crónica posteriormente recollida por El Regional, o xornal dirixido por Aureliano Pereira, dá conta de que a poxa do imposto de consumos para a venda de alcohol, licores e carne, prevista para o día 8, debeu ser suspendida “xa que se produciu un pequeno alboroto por un grande número de mulleres do porto de Burela, alboroto que non tivo consecuencias, se ben puido custar a vida ao comerciante de San Cibrao, Ramón Cordido, que foi tomado polos alborotadores como xestor do imposto”.

A decisión de adiar a poxa para o 23 de agosto estivo acompañada dunha campaña de axitación e información sobre a alza do tributo entre a veciñanza do concello, que non dubidou en presentarse ese día diante da casa consistorial, segundo El Eco de Vivero, “con tal excitación no ánimo dos habitantes de Cervo, especialmente nas mulleres, que o día da poxa presentáronse na casa do concello máis de trescentas delas armadas de paus e pedras”.

A casa do concello será tomada polos veciños, que tamén protestaron diante das vivendas dalgúns dos caciques máis sinalados. Mentres o alcalde da localidade, Santiago Álvarez, canda Xusto Basanta, secretario municipal e home forte da política local durante décadas, saían da vivenda deste en dirección ao concello, foron abordados polos manifestantes, que os seguiron coas súas protestas, non tardando en botar abaixo a porta do pazo municipal, “onde as mulleres se apoderaron de todos os papeis que viron a man, rompéndoos e tirándoos uns ao río e outros ao camiño”. A protesta tería continuidade diante das vivendas de Carlos Correa, antigo responsábel da fábrica de Sargadelos na súa ultima etapa, de Xosé María Crego e de Xusto Basanta. Segundo a crónica de El Regional, romperon os cristais a pedradas. A paralización do procedemento de contratación do imposto de consumos significou o remate da protesta.

Represión

Non tardou en caer a represión contra os dirixentes e os participantes da protesta. Se os días seguintes son deslocados á localidade unidades da Guarda Civil dos concellos próximos, así como números do corpo dos carabineiros, o 29 de agosto, El Eco de Galicia, xornal que na Arxentina dirixía o debuxante e veciño de Cervo Xosé María Cao Luaces, dá conta das primeiras detencións. Así, coñecemos que son enviados ao cárcere de Viveiro as veciñas de Lieiro en San Cibrao Carme Martínez Ben, Carme García Rodríguez, Concepción Paleo, Francisca Fernández, Xosefa Rei Castro, Clotilde Rubiños e Vicente Pita, incoándose no xulgado da cidade do Landro un proceso contra arredor de trinta mulleres e homes da localidade. Porén, a prensa conservadora non tarda en responsabilizar os cadros republicanos do conflito de Cervo, sinalando directamente os republicanos de Viveiro e indicando que “por todas as parroquias, algunhas persoas malévolas fixeron correr a nova de que ían saír á poxa non só alcohois e carnes, senón tamén o trigo, centeo, millo e patacas”.