A revolta de Sarria de 1870

A revolta de Sarria de 1870
Sarria. Foto
Sarria. Foto  

A chispa que prendeu o lume en Sarria foi o cobro do imposto persoal, porén as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. O catorce de novembro de 1870 soldados dunha compañía do rexemento de Murcia e números da Garda Civil desprazados a Sarria, respondendo a unha petición do alcalde da localidade, abren fogo contra a veciñanza de Betote, deixando unha persoa morte, dúas feridas graves que morrerían aos poucos días e arredor de sesenta con feridas leves.


O catorce de novembro de 1870 soldados dunha compañía do rexemento de Murcia e números da Garda Civil desprazados a Sarria, respondendo a unha petición do alcalde da localidade, diante do descontento social existente e para facer efectiva o cobro do imposto persoal abren fogo contra a veciñanza de Betote, deixando unha persoa morte, dúas feridas graves que morrerían aos poucos días e arredor de sesenta con feridas leves. Segundo informou a alcaldía de Sarria ao gobernador nos días seguintes á masacre, “acometida así a forza por máis de 300 sediciosos, os xefes da tropa dispuxeron romper fogo contra os sediciosos, conseguindo dispersalos en breve tempo e deixando no campo un morto, dous feridos de gravidade, outros moitos cuxa vida non corre risco, sendo tamén detidos trinta destes”. Na mesma liña diversos medios escritos madrileños como La discusión, La correspondencia universal ou La época, deron conta da nova destacando a gravidade da traxedia e denunciando nalgúns casos o actuar das forzas da orde seguindo os mandatos das autoridades locais e provinciais.

A chispa que prendeu o lume en Sarria foi o cobro do imposto persoal, porén as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. A reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de facenda do sexenio, non fillo máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, onde Galiza xogaba un papel subalterno,  fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo. Así, o imposto persoal, criado para substituír os odiados consumos, non só resolve os problemas que estes viñan xerando senón que aumenta a carga fiscal de Galiza, provocando en Sarria enfrontamentos ao longo de todo 1870. Así, por exemplo, El pensamiento español, no seu número do 28 de febreiro, dá conta que “en Sarria (Lugo) houbo desordes ao presentarse un comisionado con 25 soldados para cobrar o imposto atrasado, enfreándoselles 300  homes armados de fouces”.

A revolta de Sarria non se pode desligar da frustración provocada pola actuación gobernativa dos executivos do sexenio  nos sectores populares e da axitación do republicanismo federal nos ámbitos rurais

A revolta de Sarria non se pode desligar da frustración provocada pola actuación gobernativa dos executivos do sexenio  nos sectores populares e da axitación do republicanismo federal nos ámbitos rurais. As expectativas abertas co derrocamento de Isabel II, no marco dunha acción combinada entre unha parte do estamento militar e dos sectores civís agrupados arredor das xuntas revolucionarias, fecháronse en seco cos primeiras medidas do gabinete de Sérrano e Prim, coherentes coa axenda liberal mercado, lei e orde. A propia planificación das protestas levadas adiante ao longo de 1870 e que terán continuidade ao ano seguinte, a mobilización dun número tan importante de persoas, a extensión do movemento a cando menos catorce parroquias, segundo afirmaba o alcalde ao gobernador, o propio intento de asaltar en dúas ocasións o cárcere do partido para liberar aos compañeiros detidos ou a simpatía dos xornais republicanos coa protesta, evidencian a existencia dunha estrutura organizativa que coordina, impulsa e dirixe a protesta

Non foi un feito illado, explicase pola contra no ciclo de protestas sociais, seguidos moitas veces de masacres, que se sucederon na Galiza do sexenio

Non foi un feito illado, explicase pola contra no ciclo de protestas sociais, seguidos moitas veces de masacres, que se sucederon na Galiza do sexenio. Só en 1870, reparando exclusivamente naquelas mobilizacións de máis repercusión ou que remataron en matanzas a mans do exercito ou da garda civil , debemos facer mención, cando menos, ás revoltas de Monforte de Lemos, Maceda, Palas de Rei, A Estrada, Quiroga, Trives ou San Amaro. Unha visión de conxunto das mesmas, danos conta das resistencias e do carácter conflitivo da inserción de Galiza no Estado español, construción nos seus aspectos fulcrais dos liberais do século XIX, da situación de emerxencia da nosa sociedade e das dificultades abertas no proceso de articulación do modelo unitario e tamén da vitalidade e do carácter combativo do pobo galego. Ao tempo, sucesos como os referidos, infórmanos da incidencia das posicións de avanzada social no rural galego, maiormente desde posicións do republicanismo federal pero tamén vinculadas á Internacional, significándose no caso dos primeiros, o rexeitamento ao modelo centralista e uniformizador en marcha.



x