Achan un expediente contra Casares Quiroga durante os traballos de expurgo nos xulgados da Coruña.

Achan un expediente contra Casares Quiroga durante os traballos de expurgo nos xulgados da Coruña.

En 1938 a Comisión Provincial de Incautacións de Bens acordou instruír un expediente sobre Declaración de Responsabilidade Civil contra Santiago Casares Quiroga, ex-presidente da II República española.


Durante o proceso de relación de expedientes desenvolvido pola Xunta no arquivo común dos xulgados da Coruña atopouse un expdientesobre un proceso contra Santiago Casares Qurioga, ex-presidente da República. Dito expediente correspondía ao xulgado de Primeira Instancia nº 2.

O expediente, informan desde a Dirección Xeral de Xustiza, ao ser anterior aos anos corenta, non ten que pasar pola Xunta de Expurgo, xa que se considera de interese patrimonial e trasladarase directamente ao Arquivo do Reino de Galiza; máis, tendo en conta o valor deste documento e da figura histórica á que fai referencia.

Inhabilitación, estrañamento e embargo de bens do republicano

En 1938 a Comisión Provincial de Incautacións de Bens da Coruña acordou instruír un expediente sobre Declaración de Responsabilidade Civil contra Santiago Casares Quiroga tras as indagacións realizadas sobre a súa conduta, ideoloxía, traxectoria política, actuacións levadas a cabo e participación en revoltas.

É declarado por sentenza do 7 de marzo de 1940 incurso de responsabilidade política polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, impoñéndolle como sanción quince anos de inhabilitación absoluta, outros quince de “estrañamento” e o embargo total dos seus bens. Ademais, acordan tamén propoñer ao Goberno a perda da nacionalidade.

1938/1945

O groso de expediente do ex presidente da República desenvolveuse entre os anos 1938 e 1945, aínda que tamén existe unha providencia datada do 3 de decembro de 1966 na que se ordena o arquivo do expediente por aplicación do decreto de Indulto do 10 de novembro de 1966.

Santiago Casares Quiroga (A Coruña, 1884 - París, 1950) foi un político que chegou ser presidente do XX Goberno da República. En 1931 formou parte do primeiro gabinete republicano e converteuse en ministro da gobernación. Foi elixido deputado a Cortes pola Coruña e encargouse de fusionar a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) coa Esquerda Republicana de Manuel Azaña. Ao finalizar a Guerra Civil exiliouse a Francia, onde permaneceu o resto da súa vida.