Activistas encadéanse en Xelmírez para pedir a devolución das estatuas de Abraham e Isaac

Activistas encadéanse en Xelmírez para pedir a devolución das estatuas de Abraham e Isaac

Un nutrido grupo de activistas da memoria histórica protagonizou esta segunda feira na entrada do Pazo de Xelmírez un acto a prol da devolución ao público das estatuas de Abraham e Isaac, espoliadas pola familia Franco.


Nunha acción xemelga á da toma simbólica do Pazo de Meirás, un grupo de activistas da memoria -entre os que figuraban destacados dirixentes do BNG- reivindicaron esta segunda feira a restitución ao dominio público das tallas de Abraham e Isaac, obtidas de forma fraudulenta polo ditador Franco, a quen llas tería obsequiado o concello de Santiago en 1961 sen que fique ningún rexisto de tal doazón.

Varias persoas precintaron a porta de entrada ao Pazo de Xelmírez para a seguir se encadearen diante dela, mentres o resto dos activistas despregaban faixas e reclamaban a "liberdade" para as estatuas.

Efectivos da policía nacional personáronse no lugar e amagaron con pedir a documentación ás persoas encadeadas, embora -no momento de se redixir esta información- finalmente se abstiveron de facelo.

Sobre este asunto existe un proceso xudicial en marcha instado polo goberno municipal de Compostela Aberta que se está a sustanciar nun xulgado de Madrid. O concello reclama por vía civil a devolución por considerar que se produciu unha apropiación indebida das estatuas.

pazo 2

"Fixemos esta acción para reclamar a devolución das estatuas", declarou a Sermos Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. "Pedimos que se tomen medidas cautelares [mentres o xuíz non resolver a demanda interposta polo concello] para que continúen nun lugar público", acrecentou.

Existe un precedente, "o intento de venda das Cruces de Pedra de Castelao por parte dunha sobriña de Virxilia [a esposa do artista e político rianxeiro]. Daquela si que se adoptaron medidas cautelares e os debuxos ficaron no Museo de Pontevedra", alega Goretti Sanmartín.

As medidas cautelares debería propoñelas o concello -pois é o actor da demanda-. "Por súa parte, a Xunta tamén pode adoptar medidas para protexer as estatutas. Ten direito a iso porque xa encetou os trámites para as declarar ben de interese cultural", conclúe Sanmartín.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou a acción destes activistas -na súa maioría simpatizantes e militantes nacionalistas- a través da súa conta twitter.

 

As estatuas foron cedidas pola familia Franco para faceren parte da exposición Mestre Mateo, que se mantivo aberta no Pazo de Xelmírez até este domingo 25 de febreiro. A previsión é que no prazo máximo dunha semana os herdeiros do ditador retiren as figuras do pazo.