INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA EN SAN SIMÓN

Colectivos pola memoria reclaman que o 36 se explique nas escolas

Colectivos pola memoria reclaman que o 36 se explique nas escolas
Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión Franquista, o domingo 21 de xullo na illa de San Simón. Foto: @GorettiSRei
Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión Franquista, o domingo 21 de xullo na illa de San Simón. Foto: @GorettiSRei  

A décimo segunda homenaxe nacional ás vítimas do fascismo, que se desenvolveu este domingo na emblemática illa de San Simón -campo de concentración franquista-, concluíu nunha reivindicación: as escolas deben explicar ao alumnado o 36, a Guerra Civil, a brutal represión fascista e a posterior ditadura.
 


Convocadas pola Iniciativa Galega pola Memoria, centos de persoas asistiron esta mañá ás honras e actos aos asasinados e represaliados a consecuencia do golpe de Estado de Franco. “O paso polas aulas ten que servir aos alumnos e alumnas galegas para coñecer a historia do país nas primeiras décadas do século XX, para coñecer con rigor o sucedido durante a II República e a devastación humana, social e política causada polo golpe militar”, di a federación de entidades da memoria, “e as consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas que a ditadura tivo e aínda ten na actual sociedad galega”.

Ademais dos integrantes das 35 asociacións e colectivos que conforman a Iniciativa, tamén participaron na xornada de homenaxe un grupo de profesores e estudantes do colexio O Toural de Vilaboa. Están a realizar un proxecto pedagóxico sobre a recollida de memoria oral nas propias familias.

A Iniciativa Galega pola Memoria quere que a incorporación de contidos escolares relativos ao levantamento fascista e as súas derivadas se faga conforme aos “tratados internacionais asinados polo Estado español en materia de dereitos fundamentais e ás esixencias das nacións unidas”. Ademais, tamén reclama o estudo “desde unha óptica galega, da pervivencia do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional”.

“O ensino debe deixar de ocultar a verdade da historia dos feitos que sucederon no Estado español, promover os valores de respecto aos dereitos humanos e fomentar os valores democráticos, para o que resulta indispensábel educar na asunción do pluralismo político”, conclúe.



x